27 'NEGROS' E UN ARTISTA CLANDESTINO
As acusacións contra o marchante Carlos Bergantiños por vender obras de arte falsas poderían dirixirse por elevación contra unha parte da produción occidental de roupa e complementos. O FBI acusa ao empresario de arte de Guitiriz de contratar un chinés para falsificar obras de arte a 200 dólares a peza. Pei Shein Qian asegurou a The New York Times que recreaba«obras que compraba xente que non podía permitir adquirir os orixinais».
Ese sentido democratizador fora alentado por Andy Warhol, que multiplicaba obras, ou por Haring, que presumía dos negros que lle pintaban cadros nos que se reservaba a sinatura. Mesmo Damien Hirst ten contratada unha rapaza para que lle trace círculos porque a súa torpeza lle impide facelo. Hirst contribuíu ao declive da autoría e a recuperación do obradoiro cun nome de peso á fronte da pintura clásica. O seu mérito foi vender un tiburón en formol —que acabou podre— por 9,2 millóns de euros.
A pulpa da historia de Bergantiños, como apuntaba o artista Germán Refojo en El Progreso, é a súa traxectoria, que o levou dende a casa de Isolina do Capataz de Parga (Guitiriz) a moverse con soltura no pechado círculo da arte de Nova York, onde o importante é darse xeito estaricando o dedo maiminiño ao coller a copa de cava.
Bergantiños nunca esqueceu os artistas galegos. Levou uns cantos lucenses para promocionalos en Nova York. Un elexido contoume que o mantiña nunha nave de Queens. A súa fortuna era ducharse por cinco dólares nun ximnasio no que adestraban boxeadores hispanos. Alí fixo amizade cun ex adestrador de Mike Tysson.
Ese creador e máis eu compartimos debilidade polo combate de Muhammad Alí e Joe Frazier en Manila en 1975, que conta o documental Thrilla in Manila. No transfondo había dous negros pelexando por diferentes visións do racismo norteamericano.
A serie Debuxos de negros que pintou en Nova York en 1939 é o máis interesante de Castelao xunto cos cadros de principios de século XX, con ese aire social de Grosz e a un recatado Schielle. A galería About Art, de Pontevedra, amosa novidades recuperadas como Cincuenta hombres por dous pesos nunha edición limitada de 1940 e As cruces de pedra na Galiza, editada por Nós en 1950.
Negros, pero non pola cor de pel senón pola suplantación son os que reuniu o CGAC de Santiago na mostra 27 negros, que vai ser das últimas que promova Miguel Von Hafe porque xa avisou de que cede a dirección do centro.
O seu labor de cinco anos, cadrando co lustro de racionamento orzamentario, paréceme notable e, sobre todo, discreto. Algo que agradezo tras a guerra púnica que derrotou a Gloria Moure como directora do centro e o blitzkrieg que rematou en 2013 cos vinte anos de Manuel Arroyo na xerencia. Todo o que atopei contra o actual responsable foi críticas pola escasa atención a creación galega.
Von Hafe non debía de saber que Bergantiños poderían abrirlle o paso a obras de Maruja Mallo. O marchante xa tivo que someterse a un xuízo no 1995 acusado de vender pezas da vivairense recreadas sen permiso da artista. A experta Pilar Corredoira deu o seu nihil obstat e non se lle condenou. Asintamos.
Carlos Bergantiños non soamente dispoñía de cadros de Mallo, tamén levaba na carteira varias de Warhol, de quen se presumía amigo.
Eu nunca podería ser amigo de Warhol. Se lle presento alguén así á miña nai, que naceu no mesmo Bilbao, logo o criticaría: «Vaia pelos que leva este amigo teu!»