SOMBREIROS A CUBERTO
Hai uns días empecei unha rolda de encontros con artistas, que rematou hoxe. Todos eles teñen diferentes porcentaxes de talento e técnica na súa formación, pero todos posúen cantidades equilibradas de ambas as cousas. Todos pasan dos cincuenta. Ningún deles precisa explicar a súa obra. Empeza a ser raro atopar artistas por baixo desa idade que non necesiten facelo. Reúnen varios obxectos cunha graza relativa e, sobre base física, arman unha narración máis ou menos baseada nun fundamento teórico. E, claro, eu boto en falta aos señores que saben onde dan o brochazo e por que. Os conceptuais famme pensar que dispoñen dun talento para o relato que teiman en orientar erradamente cara ás artes plásticas. Esta reflexión podo trasladala á literatura. Entrevistei onte a Agustín Fernández Paz co gallo de A viaxe de Gagarín. Nas súas novelas podes intuír como montou o bastidor e chantou as grampas para tensar o lenzo e a orde estrita e axeitada de cada pincelada. E Agustín en si... Buf! Que dicir sobre unha persoa tan xenerosa? É un sabio que comparte o seu coñecemento cunha humildade e unha naturalidade que dan ganas de presentarllo a algún deses conceptualistas que andan sen control nin goberno polas galerías de arte, un deses que ignoran que levar o sombreiro posto a cuberto é de mala educación.