Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
5 mai 2014

UNHA CAMPAÑA CENTRIFUGADA

fo_china

A campaña para as Europeas estame sorprendendo. Agardaba unha propaganda trapulleira e desinteresada, como cando anunciaban "orquestas internacionais" para tocar no Rosalar de Ribadeo e viñan os Poceiro, que unha vez visitaran Valença para mudar o enxoival. Agardaba un carrusel de ideas forza tan débiles como nas anteriores convocatorias, agardaba un solpor de propostas identificadoras de cada candidatura e, sobre todo, agardaba bastantes explicacións que ninguén escoita sobre o papel determinante que van ter os aspirantes no Parlamento Europeo, perdidos entre a comprobación de que lles ingresen avultadas dietas e o uso de auriculares para a tradución. Pero houbo sorpresas. Nada é o que debería ser. Non hai un candidato no seu sitio ideolóxico, a campaña semella centrifugada. Cañete vén sendo o meu talkinghead favorito dende que loubou a precisión do camareiro español para servirche o tipo de café que pides en contraposición á confusión do mozo suramericana fronte ao manchado ou o cargado. Pero estame dun socialdemócrata subido. Elena Valenciano confírmame día a día a súa solvencia intelectual limitada; unha sensación que reforzou elevando ao podio revolucionario a Cristo, El Che e Felipe González. A lideresa socialdemócrata virou cara ao discurso Podemos centrando a análise económica da Unión en caricaturizar o panxermanismo de Merkel. Valenciano semella incapaz de avanzar un paso para complexizar a súa análise. Pablo Iglesias, líder do partido que naceu en LaSexta cunha Rosa Díez con labia e barba, medra no analfabético culto ao líder. O primeiro candidato popular por Galicia, non me sei o seu nome nin me vou molestar en procuralo, amosa ese respecto caracteristico da familia Rajoy polo coñecemento do galego. Porén Feijoo, a quen non teño por fillo ideolóxico de Ramón Piñeiro por moito que lle busque a sombra, presentóunolo onte como "galeguista". Un galeguista incapaz de falar no idioma nacional, ¡mimá! José Blanco debeu ser arrastrado por un furacán ao país de Oz da súa infancia e botouse a falalo. Agradézollo, especialmente que cadre co tempo de campaña electoral; confío en que o 26 de maio volva falar normal para que lle comprendamos todos. Polo demáis, Alternativa intenta ser o maís semellante a un partido, como se ese remexallo de independentistas e xacobinos respectuosos tivese algún futuro que non dependa dos diversos procesos electorais. O modelo é Syriza, un divertimento que resulta ideal ata que tes empezar a xestionar miseria. O Bloque está facendo unha campaña que trata de borrar o seu paso polo poder, onde demostrou en certos casos que sabe gobernar, e se sitúan tan cerca discursivamente dese utopismo quinquenalista de Lidia Senra que acabaran confundindo ao electorado. Ana Miranda está bastante mellor formada e ten máis experiencia, pero é terrible que o seu director de campaña a sitúe tras unha pancarta para a galería fotográfica cando se supón que necesitamos como país a alguen que se manexe nos corredores do Europarlamento. Agora que empezaba a considerar aos nacionalistas sen mesturas como cadros xestores, regresan aos arrabaldos do discurso estridente. Compromiso por Galicia padece un anasagastismo que a confunde coas democraciascristiás vasca e catalá. Eu entendera que a súa sintonía era outra, pero tamén é certo que esa dereita suave e galeguista ten unha chea de añoradores en Galicia; aínda que, diante da urna, navegan cos armadores de Génova.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité