rap-battle-league

NA PRIMAVERA de 2008 atopei un cantante lucense saíndo da sucursal de Caixanova na rúa da Raíña. Andaba nervioso, como se calculase feitos inanes, como se o seu equipo ía gañar a Liga ou algo igual de trascendente na súa economía. Confesoume que estaba formulando hipóteses sobre as Letras Galegas.

«Álvarez Bláquez non foi mal homenaxeado», retruquei como se soubese moito sobre o editor e poeta. Miroume como se eu fose o modelo para crear o parvo universal. «A miña preocupación non é este ano, senón o vindeiro», confesou amolado. A seguir, explicoume que os músicos queren que se homenaxee a poetas e que os actores queren dramaturgos. Pola súa banda, os editores prefiren candidatos con moitos libros que reeditar.
Xosé Díaz Castro foi pouco produtivo, aínda que eu tamén preferiría traducir as rendibles novelas de James Bond a escribir versos que habían de chegar a uns poucos.
Un problema fundamental das Letras Galegas é que o beneficiario non é tal, con sorte a familia recibe algunhas regalías.
Como o aproveitamento de Díaz Castro xa foi amortizado este ano, a cultura mira para a última semana de xuño na que a RAG designará o autor do 17 de maio de 2015.O sector cultural agradecería un candidato como Manuel María, con poesía abonda para musicar e dar concertos, e con obras de teatro para representar.
A decisión sempre ten importancia para a nosa industria creativa, pero este ano, estando as empresas, os músicos e os actores en prognóstico reservado, vai revestir grande importancia.
O mércores manifestei ao editor de Positivas, Francisco Macías, a miña sorpresa de que seguise editando neste marasmo. Remontouse ao día no que o avó lle anunciou que sementarían unha terra para colleitar 40.000 tomates. «E dará tantos?», preguntou Macías. «E logo? O problema non é que os dea, é vendelos».
Falabamos da súa última novidade, a novela pornográfica Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra. Non ha ter problema de vendas. Nada como procurar o escándalo na túa cidade se moitos dos teus 100.000 veciños poden identificarte.
Macías equilibrará contas, pero o resto dos editores cruza os dedos soñando cun efecto como o que busca o festival Reperkusión co cartel encabezado por Manu Chao.
O éxito non é problema para o festival de cinema de Cans. O promotor, Alfonso Pato, é home con perspectiva. Eu pegábame a el en Santiago nas noites dos anos 80 nas que quería ligar. Un mestre.
A estética rural do certame comeza a cansar. A veta esgotouna o Bravú. Xurxo Souto soubo matar a tempo a súa criatura. Aínda que ás veces reviva o fenómeno para homenaxealo. Niso anda.
Alfonso Pato anda sobrado de enxeño para formular novamente o evento cinematográfico. Na edición deste ano, exhibirá o trofeo de que Karra Elejalde acoda a un remoto lugar de Galicia entre os próximos días 21 e 24.
Cans fará unha homenaxe ao Bravú con Herdeiros da Crus, que vén sendo coma homenaxear aos Beatles cun concerto dos Rolling Stones. As voces da memoria nos chegan tan débiles que os Herdeiros non lembran o que renegaron do Bravú. Cando menos, non se complican musicando os poetas.
Na primavera do 2009 volvín atopar o cantante na praza de Santo Domingo. «Sabes que? A Academia dedicoulle as Letras Galegas a Ramón Piñeiro. Nin un ripio de adolescencia se lle coñece!»

A PRIMAVERA TEN outros alicientes para intelectuais e artistas. Ás veces cadra con eleccións, como este ano. Daquela sentes a cálida e discreta presenza dos candidatos que non paran de retuitear os teus comentarios.
«Gustaríame que me achegases as túas propostas sobre cultura galega...», pídenche. E claro, ti ignorabas que o señor aspirante a Bruxelas sabía da túa existencia. Sorpréndeste de que te chamem ao móbil porque dás por suposto que conta con creadores amigos cun «toque de ideoloxía e que seguen a moda», como os definía Chejov.
Mesmo non dás concretadas as túas ideas sobre o futuro da cultura. Son anómalas e incertas.
Sendo incapaz de formular propostas, dou opinado. É positivo que Manu Chao actúe en Bemposta para que se saiba que leva anos cubríndose cunha fina capa de desidia. Aprobo que Cultura amose pinturas de David Hockney, Piranesi e Constable na exposición Auga doce para que a Cidade da Cultura non acabe nun macroBemposta. Estou desexando visitar o MAC da Coruña para ver a mostra de Paula Rego, a pintora ao que pai exiliou a Londres con 16 anos porque «o Portugal do fascismo non era país para mulleres». O señor Rego tiña unha idea clara sobre o futuro baixo Salazar.
O ano que vén, cando as Municipais, se algún candidato se me insinúa politicamente, prometo guiarme polo consello da escritora lusa Agustina Bessa Luís, cando dixo que «o país non precisa de quen diga o que está errado, precisa de quen diga o que está certo». Temo que non vou cumprir, pero a frase deu para un remate bonito desta páxina.

Photo: Rap battle league