italia

A miña visión de Lidia Senra é de candidata gremial. Sei que sabe moito sobre gandeiría. Volveu demostralo nunha entrevista noturna na Radio Galega. Escoiteina para tratar de ver se a súa formación tan ampla nese campo abrangue outros, se en Bruxelas pode facer unha defensa xeral do país, o que se lle require a un representante público. Foron cinco minutos de contestar a un cuestionario bastante ríxido. Explicouse resoltamente cando lle preguntaron pola cota láctea, pero logo que se o pobo vai estar no Europarlamento (como non se elexise xa democraticamente), que se o asasinato de Isabel Carrasco debería ter a mesma trascendencia ca as mortes de inmigrantes en Lampedusa (alén o populismo, informativa e politicamente hai diferenzas obvias),... é dicir, repetiu o resumo de prensa das últimas intervencións de Beiras. Continuarei á escoita porque agardo que me soprenda fóra do seu campo natural. Ana Miranda empezou falando de país, pero leva uns días remoendo na pesca, entendo que por indicación dos seus asesores, pero ten unha preparación e unha experiencia amplas que parece que se lle ocultan para seguir a vulgaridade parlamentaria do situacionismo beirista. Millán tamén conta con formación e experiencia en Europa, pero manexa un discurso de parlamentario cuneiro do século XIX que funciona a golpe de lectura do escrito polo equipo de campaña. José Blanco, para a miña sorpresa, é o único que está falando de Galicia, que ten máis sectores económicos ca o primario, cunha visión xeral, aínda que o seu coñecemento das infraestruturas faga que o seu relato se incline cara a autovías e aves.