kENNEDY

Esta maña viaxei ata Vigo para falar no Colexio Seis de Nadal sobre Os Sabuxos entran na Casa do Pé Esquerdo. Acceder ao centro requeriu que me inventase unha paciencia da que carezo. Timbrei varias veces e, na derradeira, unha muller acodeu a abrirme. Desculpouse. Non sentía os meus reclamos porque o recibidor estaba asolagado de música. Ao acceder ao interior, atopei media ducia de rapaces danzando en cadeiras de rodas grazas a tres mulleres que ían empuxando e arrastrando para atrás as súas cadeiras e cantaruxando. E pensei nas axudas sociais, no necesarias que resultan. Tanto que mesmo Cañete invocounas nos seus discursos de campaña. Podo entender que a falta de orzamento marcase dous anos de reducción drástica na colaboración con persoas necesitadas e coas súas familias, pero é inmoral prometer nada ao respecto en época de promocion electoral. Agarde vostede ao día 26, que as axudas aos rapaces con dificultades para camiñar e xogar non van desaparecer o luns. Feijoo anunciou tamén hoxe que se subvencionará con 90/120 euros a 14.000 familias pobres para axudarlles a pagar a factura eléctrica. Unha medida positiva, aínda que incompleta. Cando empezaba o curso no instituto de Ribadeo adoitaban facernos unha enquisa sobre se dispoñiamos de luz eléctrica na casa. Parecía retórica. O meu pai explicoume o motivo. Escoitei o anuncio das subvencións lumínicas na Radio Galega mentres volvía para Lugo. Debería prohibir as campañas electorais ou, vou finxir que son razoable, prohibir aos gobernos -dende o europeo aos locais- adoptar iniciativas que sobrepasen o carácter de xestión inaprazabre durante a promoción dos candidatos. Pola tarde, asistín a unha festa no colexio dos fillos. Antón xugou un partido informal de fútbol -un rebumbio denomínao el cando está no Ribadeo galegofalante- cunha vintena de rapaces. Non se pasaban a pelota. Facerse co balón garantía o dereito a tirar a porta e todos o exercían. Son humanos, pequeños humanos.