Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
1 juin 2014

O DEPORTE MÁIS NOBRE AO AIRE LIBRE

Paths Of Glory 2

O MEU TÍO JUAN, que era carlista-leninista, marchou convencido á División Azul. Descansaba do sobreesforzo da Guerra Civil no cuartel do Conde Duque, en Madrid. Fartara de atopar espidos e mortos —que diría Mailer— como todos os demais, pero o seu ánimo ergueuse porque quedaban tres inimigos a combater a fusilazos: o marxismo, o ateísmo e a evasión de ouro a Moscú.
Cicerón matiza que «as guerras nas que se loita pola supremacía do Imperio» son xustas, «pero nas que se loita pola gloria debe combaterse con menos dureza». Pero o meu tío non debeu de lelo, porque marchou para a fronte rusa cheo de razón de cunha maleta de libros preparatorios do ingreso en Enxeñería Aeronáutica.
Tomábase a Cruzada con tantan seriedade como, segundo leo a Xurxo Ayán, a tomaba Xosé María Díaz Castro. O poeta foi á fronte , pero logo se desencantou. «Unha semana chegoulle para decatarse da realidade do conflito bélico», afirma Ayán.
Despois levárono a un hospital en Pontevedra, onde non se lle ocorreu escribir un Adeus ás armas e namorar dunha enfermeira ao xeito de Hemingway. O escritor americano debía de concebir Verdún coma unha marca de vermut e as praias de Normandía coma unha alternativa máis heroica as de Marrocos nas que se bronceaba Paul Bowles. Deixou escrito que «a guerra é o deporte máis nobre dos que se practican ao aire libre».
Non escoitei a ninguén falando das querencias políticas de Díaz Castro no mes pasado. Nin o primeiro especialista deixouno caer nas Letras Galegas de Guitiriz, onde me bisbaron que Suso de Toro anda incomodado comigo por un Cidade Xardín. O meu tío Juan pasou de ser un txapelgorri requeté ao Partido Socialista Popular. «Eran os únicos intelectuais» —confesume— e o Bloque gaña ao PSOE en intelectuais.
Nese acto atopei a Luís Gonzalez Tosar, ao que saudei cun par de bicos nas meixelas como adoitamos facemos os nacidos na xínea de Tolstoi, que contou a crueldade da guerra de Crimea en Relatos de Sebastopol. Tolstoi defendeu a cidade en 1854 como oficial de artillería. «Non lle abandonou un so instante a sensación do que estaba acontecendo: a espera da morte e do horror», escribiu.
González Tosar é o presidente do Pen Club de Galicia, que responde ás características das entidades culturais de Galicia. Son coma discotecas: un non sabe que facer para que o deixen entrar e ningún socio atopa o momento de saír.
O Pen tocou tambores de guerra para conceder os seus premios Rosalía de Castro. Os galardonados foron Pepetela, que loitou na guerra de independencia angolana, e Kirmen Uribe, que viviu a guerra de independencia vascongada.
Pepetela loitou contra António Lobo Antunes, aínda que dun xeito metafórico. Pepetela estaba na guerrilla do norte tropical de Angola —en Mayombe, que dá título a unha novela súa— e Antunes, como soldado nun lugar da chaira meridional, Os Cús de Judas, que tamén aproveitou para titular unha novela. Lobo Antunes ten falado cun tenente seu ao que os outros oficiais insultaban e pegaban patadas, «e todo o que facía era chorar».
Houbo un momento da súa campaña rusa no que o meu tío Juan acabou colapsado de fame e frío. Atravesou o patio do cuartel de Grigorovo, agachándose porque nevaba, para ir ao cuarto das ferramentas. Armou unha radio de galena como as que se facía de cativo en Burela. Polas noites, baixo as mantas ásperas, evadíase escoitando á Filharmónica de Berlín.

MARCEL PROUST adoptou unha actitude semellante á do meu tío Juan cando lle tocou padecer a guerra. Aproveitou o tempo moribundo na vida social que representaba a Guerra do 14 para corrixir os borradores de Á busca do tempo perdido. Algunhas noites pagaba ao cuarteto Rosé para que lle pasasen pola casa a interpretar a Beethoven na escuridad imposta polos tréticos zeppelin alemáns que sobrevoaban París.
Nunca saberemos se Lorca tería reaccionade con tanta elegancia á crueldade bélica porque llo aforraron dun balazo despiadado en agosto do 36. A editorial Biblos organizou unha serie de actos para rememorar o seu paso polo noso país nun maio de 1932. Hoxe haberá unha lectura de poemas e un concerto de 2naFronteira.
Desa estadía quedaron seis poemas que aceptamos e presumimos que escribiu en galego. Deberíamos para tranquilidade de Gloria Lago, aclarar se poeta andaluz padeceu unha imposición lingüística ou se beneficiou dunha tradución amigable.
Amancio Prada retoma a vía lorquiano-galega co disco, Federico García Lorca, poeta en Galicia, no que canta eses poemas.
Nunca a fin dunha guerra colleu aos protagonistas fóra do seu cuartel. A Patxi López a rendición de ETA non o colleu en Ajuria Enea, senón nun tren que se dirixía a New York. Comezara o seu mandato lendo Maio, un poema de Kirmen Uribe. 
Ese detalle é louvable nun político por amosar sensibilidade, pero transmite a sensación de que se sentía tan implicado no problema do terrorismo como Proust se interesaba en que París fose capital do novo II Reich.

Photo: Paths of glory by Stanley Kubrick

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité