Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
8 juin 2014

TEMPOS INESTABLES PARA A LÍRICA

Soundproof listening booth at a London music store 1955

Nos anos 80 Galicia limitaba ao norte coas revistas La Naval e Luzes, e ao sur coa Movida de Vigo. Manuel Rivas e os irmáns Pereiro achegaban a letra; Antón Reixa, Julián Hernández e German Coppini escribían a banda sonora.
Non lonxe lles andaba Miguel Costas, o galego que mellor comprendeu os tres minutos de frescura pop. Non chegou a ningures con Aerolíneas Federales porque nunca aspirou a unha medalla ao Mérito no Traballo. Ten confesado que marchou de Siniestro Total «porque traballaban demasiado».
Entre os vigueses, Reixa acertou a evitar caer na foxa común dos músicos esquecidos. Abdicou como cantante para facerse produtor. Mesmo honrou á Movida de Vigo co musical Galicia Caníbal.
Julián Hernández atinou pola vía da insistencia. Siniestro Total desprende a mesma sensación de eternidade ca Luar.
Germán Coppini e Miguel Costas perderon en derrotas diferentes. Coppini avanzou cara ao anonimato en Madrid e Costas, no Saviñao. O primeiro conseguiu ser clásico —«malos tiempos para la lírica»— con Golpes Bajos, pero non se salvou de ir fracasando de banda en banda ata a homenaxe final.
O respecto que aínda lle gardan os músicos concretouse o sábado pasado en Madrid co recital Quédate a mi lado. A maiores dos seus ex compañeiros Teo Cardalda y Pablo Novoa, actuaron Miguel Costas, junto a algúns dos cadáveres máis exquisitos da Movida Madrileña: Ramoncín, Manolo Tena o Javier Andreu (La Frontera).
Soamente coñezo a traxectoria profesional de Ramoncín. O compositor de Litros de alcohol —non lle lembro outra— viviu da música co luxo que miramos nos suplementos sabatinos para sibaritas. Aínda que el pagábaos con música composta por outros.
Teo Cardalda sigue dando concertos en Hispanoamérica demostrando o músico capacitadisímo que é. Tamén segue tapando con coros de cariño e arpexios matrimoniais as penurias vocais da muller, María Monsonis. Ambos preparan un musical sobre Valle Inclán co gallo dos seus 150 anos, que se cumpren en 2016.
Vigo, e Galicia, aínda teñen pendente o seu concerto de recoñecemento ao talento de German Coppini. Esa carencia de gratitude é filla do seu tempo: nos 80 era preciso que Jesús Ordovás picase a túa maqueta en Radio 3 e conseguir un concerto no Rock Ola de Madrid para ser valorado polo público galego. As bandas de agora nin aspiran a ordovases nin rockolas dada a estrutura de arquipélago, con illas que se ignoran entre elas, que ten a música contemporánea en Galicia.
A única solución é lembrar ti aos demáis os teus logros. O Bravú, que foi o movemento musical máis importante deste país dende que Xosé Luís Foxo invadiu a Polonia das gaitas, houbo de volver ás rúas porque ninguén tivo a reacción necesaria para compensalo.
Os Diplomáticos de Monte Alto regresan porque esquecemos que Xurxo Souto fixo labores de negociación cunha ducia de grupos que tocaban rock en galego nos anos 90 para establecer pontes de coñecemento entre as illas dos noso eterno arquipélago.
Pero os «malos tempos para a lírica», que escribiu Bertold Brecht no poema que citou Coppini, nunca foron bos. Nunca houbo anticiclón. Ben o sabe, Antón Lopo, que reclama atención para a poesía no espectáculo Lampíricos. En Lugo amosou a súa capacidade para erguer a palabra á categoría de espectáculo nunha montaxe inspirada no sufismo que ben podería inspirar o sufrismo.

ANTÓN LOPO prendeu unha luz para guiar ás persoas coma Diógenes, que andaba cun farol «buscando ao home». A cultura popular moderna quedou en Galicia sen un facho a seguir. Os nosos polos culturais dos anos 80, o norte coruñés e o sur vigués, vanse derretendo. Quedaron sen pulso.
Os Diplomáticos de Monte Alto tratan de atoparllo. No seu novo vídeo, Deitado fronte ao mar, amosan rúas de A Coruña e de Vigo mesturadas como formasen unha cidade única. Vigoruña, a metrópoli galega. A banda de Xurxo Souto musica un poema de Celso Emilio: «Falo galego porque si, porque me gosta, porque me peta».
Os Diplomáticos responderon unha chea de veces a pregunta parva: Por que cantades en galego? Galegueando tomouno como divisa e hai nove bandas que contestan. Pode verse en YouTube.
Semella que o galego padecía atrancos sintácticos para ser aplicado en certos ámbitos, pero — antes Os Resentidos e despois Os Diplomáticos— probouse a evidencia de que é util mesmo para escribir rock.
Xurxo Souto tivo en 1984 a iniciativa de facer unha xira diplomática polo país para conformar o Bravú. Agora está liderando a celebración dos 20 anos cun programa que comezou cunha crónica de lembranza no libro Non temos medo (Nicetrip), de Rodri Suárez.
O plan contempla homenaxes a figuras do noso star system coma Xosefa de Bastabales e Pinto d’Herbón, e máis co retorno de Serra-lhe Aí, Os Rastreros, Ultraqäns e Os Verjalhudos. A forza de tanta nostalxia non pode ser inutle, que escribiría Uxío Novoneyra.

Publicité
Publicité
Commentaires
J
Son tan cursis coma eles ;-)
Répondre
H
Moi inspiradas as liñas que lles dedicas a Cómplices!
Répondre
J
Moitas grazas. Concordo en que A Movida tivo máis orixinalidade ca o Bravú. Os fillos da burguesía de Vigo estaban moito máis formados ca os rapaces das vilas, por moito que Xurxo Souto (filólogo clásico) fose o ideólogo. Discrepo no final. Eu non vexo enxendro nacionalistas, senón unha iniciativa particular de Souto que tivo o respaldo de Suso Iglesias (director do Xabarín). A reacción dos medios, mesmo os públicos, foi, coma sempre, tardía e incompleta. Os xornalistas non souberon ver a potencia do movemento ata pasados anos. Lembro moitas charlas voluntarias en institutos para tratar de que se coñecese o movimento.
Répondre
M
Qué bo resumo e que crónica tan orixinal, aínda que eu coido que a Movida foi mil veces superior ó Bravú. Moito mellor e con moito máis impacto fóra das nosas fronteiras. É máis o Bravú con cousas boas parecéume un enxendro nacionata moi arroupado polos medios públicos galegos e o Xabarín.
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité