A MONXA DUBIDOSA, AS SEÑORONAS CO ABC E FILGUEIRA VALVERDE
A mañá do sábado atopoume na terraza do Costa Verde, en Ribadeo; sentei a uns metros dunhas señoronas que se axeitaran na casa para responderen a todo o que se agarda dunhas señoronas de vila pretenciosa. Collían as olivas da tapa, que lles renderan nunha cunca branca, co pico dos dedos gordo e índice segundos antes de reflexionar sobre a dificultade para extraer entre os beizos encarmiñados os ósos para facelos desaparecer con elegancia eficaz. Unha das señoronas, que confirmaba no ABC a necesidade de que España goce da serenidade que garante a monarquía, deixou a un lado o xornal para quitar un móbil con funda estampada con volutas de Carolina Herrera. Seleccionou na axenda o número da súa perruquería coa fin de pedir cita para restaurar as súas mechas, como se fosen volutas de pan de ouro do retábulo barroco de Santa María do Campo. Veuse na esixencia de florecer con dous apelidos ao ser García, pero meteu a cuña dun 'de' entre o vulgarismo e o apelido que a identificaba como parente dun banqueiro que foi máis respectado do que é. Nese intre prendeu unha conversa que analiza o debate soterrado e aceso, a brasa polémica que divide Ribadeo: a monxa que transita pola Igrexa do Campo segue sendo relixiosa ou concedemos crédito á rexouba que dictaminou que a muller foi dada de baixa na súa sociedade, pero ela resiste e mantén o uniforme, cumprindo co compromiso adquirido cando desposou con Deus, esa cerimonia que está nun aparte ao respecto das normas que rexen aos humanos. Ben dicía Lutero, en contraposición a Kant -segundo lle leo a Arnold L. Davidson- que as razóns de Deus se botan fóra da lóxica. Unicamente falta o detalle de que exista. E no final da mañá, e no medio das señoras, e ante a monxa fiel na súa impostura, ou non, informeime de que na Coruña designaran a José Filgueira Valverde como dignatario das Letras Galegas 2015, e todo formou un círculo perfecto na terraza do Costa Verde.