curzio malaparte

O paseo desta mañá transcorreu entre a praia manufacturada dos Bloques e As Aceas, onde rehumanizaron dous muíños de marea do Renacemento ribadense. Na hora de camiñada regresei ao Affaire Filgueira porque o meu sogro me estivo lendo, en voz comprensiva, a entrevista au pair con neto de Alexandre Bóveda e o fillo de José Filgueira Valverde. Don José non delatou ao amigo, Don José non se interpuxo entre o amigo e a barbarie marcial porque non o chamaron e porque preferiu evitarse a parede, Don José era amigo da viúva, Don José era afable... Ben, pregunteille ao meu sogro, a acusación sobre Bóveda era perversa, pero foi alcalde e foi deputado nas Cortes, ou non? Se algunha desafección intensa vive o meu sogro é o franquismo, mesmo a súa desafección me resulta áspera ás veces. No paseo matutino cara ao humanismo ribadense imaxinei aqueles militares entrenados no animalesco, reforzados na súa razón polo crucifixo, a bandeira de España coa aguia, Fernando e Isabel de par, a xogada coas frechas e un incuestionado deber ser. E Filgueira, quizais temeroso nun primeiro momento por un pasado galeguista que queimar nun patio traseiro, pero leximitando todo aquel salvaxismo patriótico e relixioso anos máis tarde. E agora a Academia, lexitimando a Filgueira; si, ben sei, que valida o seu perfil intelectual, pero a RAG non é quen para presentar un aval por alguén que compartiu a intolerancia e calou ante o crime.