hemingway

No Cantón, onde tomo auga con gas (non porque me saiba, senón por anglofilia), podo ver un, dous, camareiros vestidos de camisa branca; o seu xefe, Nemesio, reforzou o disfraz cun sombreiro e unha paxarela, e ornamentou as paredes do café con románticas cartas náuticas do Caribe, e axitadoras páxinas do Gramma e máis do Juventud Rebelde. Ribadeo vestiuse de tematismo cunha festa indiana polo que alcalde, Fernando Suárez Barcia, pediume que botase unha escrita co gallo de tan sonado acontecer vilego. Ser cronista local nunca lles foi gratis. A troula cubana vénme ao rego para contar unha historia raída. Houbo en Ribadeo(non o acordo e cheguei no 1968, á tenra idade de tres anos) un estudio de fotografia de ringo rang, Sáez, que marchou para Bilbao. A miña nai, que vive na capital vasca do mundo, confirmoume o sábado que si, mesmo que "sigue abierto cerca de la Plaza Eliptica (antes Plaza de España) con más pena que gloria; es pequeñito". A miña nai é ben áceda cando describe. Antes de buscar fortuna, Sáez traspasou o estudo ribadense nas Catro Calles (coñecidas así, en castrapo dende tempos nos que a xentalla asaltou e torturou a Ibáñez nese rueiro), pero non deixaba de visitalo de cando en vez, entre lecer e lecer. Na primeira volta de Sáiz dende Bilbao a Ribadeo, o expropietario entrou no arquivo, que non se ocupara de levar canda el, para comprobar o estado das súas alfaias. Todo ribadense da primeira metade do século que poida pagalo quitábase unha praca en Sáez: bautizos, comuñóns, vodas, indianos regresados. Sáiz empezou a buscar polos corredoriños daquel cuarto ateigado de mobles en penumbra no que reservaba os mellores traballos; miraba entre as caixas, remexía; empezou a acelerárselle o pulso, tensáronselle os nervios. "Mire, onde están os caixóns das pracas?", preguntou ao seu sucesor. "O que me di? Unhas caixas de peixes con cristais? Ai, oh! Tirei con elas na escombreira do Faro" O vertedeiro do Faro pechouse nos anos 80, así que a memoria dos indianos locais acabaría escachada contra os sólidos baixos da Illa Pancha.