Frances_Densmore_recording_Mountain_Chief2_o_905

A heroica cultura de Galicia durmía a sesta cando un tremor a axitou: a Real Academia Galega (RAG) acordou dedicar as Letras Galegas a José Filgueira Valverde. Como golpe de efecto é insuperable. A Academia, resignada a ser administradora concursal da nosa cultura, escolleu unha Conchita Wurst, a súa señora con barba, a súa figura discordante, para gañar a Eurovisión do 17 de Maio.

Os candidatos eran cinco. Tres xerarían tensión -Filgueira por franquista, Manuel María por nacionalista e Carvalho Calero por reintegracionista-. Celestino Fernández de la Vega non pasaría de emocionarnos aos interesados na filosofía, pero é probable que a poesía e a beleza de Xela Arias desen unha edición gloriosa en canto a participación dos taxistas e os farmacéuticos, e da cidadanía en xeral.

Pero non. A terceira votación rendeunos un homenaxeado que gusta pouco dentro do vello caserón de Emilia Pardo Bazán na Coruña e nada fóra. As declaracións favorables procederon dos representantes públicos, situados na evidente refrenda do que decide a RAG, aínda que se meteron no lameiro de rogar que pechásemos o ollo político. Pediusenos que esquecésemos que Filgueira Valverde tiña unha visión tan ampla que estivo da banda do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos e, nuns anos, cruzou a trincheira para ser alcalde de Pontevedra e procurador en Cortes. Conquistou ambas as dignidades sen someterse a eleccións, como se adoitaba neses corenta anos de aquiescencia sobre quen eran os homes axeitados para cada cargo.

Ben, esquezamos que a Real Academia Galega lidera a empatía cultural por ser a única entidade estritamente galega que non derrubou a teima uniformadora do ditador ferrolán. Renunciemos a considerar que os académicos non deberían ignoralo cando votaban.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o seu predecesor, Xosé Ramón Barreiro, coincidiron en sinalar que a entidade estaba “en débeda” cun académico que ostentou cadeira de 1941 a 1996. Mesmo o blogueiro Manuel Bragado, un dos moitos disgustados, virou o argumento para falar, con indulxencia, de “corporativismo”. O incisivo Fran P. Lorenzo lembrou na súa bitácora que o discurso de ingreso de Alonso Montero na Academia foi contestado por Filgueira.

Entre os disconformes por considerar o nomeamento para o 17M unha inconveniencia política, non atopei ningún que non recoñeza a este intelectual o labor investigador e divulgador, de dimensións colosais, nin que esqueza que defendeu o bilingüismo na normalidade democrática e que promoveu esa alfaia que é o Museo de Pontevedra.

O segundo gran argumento contra a designación de Filgueira Valverde é que non responderá ao carácter divulgativo que se supón ás Letras Galegas. Na defensa siciliana do escollido, Alonso Montero evidenciou que “non o van ler os taxistas nin os farmacéuticos”. O dirixente da RAG nunca se resiste a traslucir o convencemento de que a cultura é un asunto de elites. Mesmo a risco de presumir ignorancia a chóferes e boticarios. O grave é que a afirmación veña do encargado de supervisar a única festa na que os galegos toman conciencia colectiva da existencia dunha cultura de seu. O propio Alonso Montero confesou que as investigacións de Filgueira non van ter a acollida da poesía de Lois Pereiro ou de Díaz Castro nin do teatro de Vidal Bolaño. Aínda que, como provocación, a escolla non ten par.

 

Filgueira Valverde non vai ser a Conchita Wurst que redacte un plan de viabilidade para a cultura galega, pero o presidente da RAG debería avanzar un paso no exame do terreo da popularidade. Atopará alguén que lle celebre as Letras Galegas de quitadas a Academia Galega e a Xunta?

Se na ofrenda a Díaz Castro houbo académicos que brillaron pola ausencia e outros que brillaron por ignorar a compañeiros de cadeira, agardo unha cerimonia divertidísima para os informados de quen é quen. As rivalidades, envexas e traizóns veranse en carne viva nas contas de Twitter.

Outro factor de inquedanza será a medida de implicación nesta solemnidade do anfitrión, o Concello de Pontevedra, gobernado pola UPG de Manuel María. O seu voceiro, Raimundo González, atendeu a outro flanco de ataque ao homenaxeado: “É un escritor realmente? Fixo un labor de recompilación, de historiografía... pero tes que buscar que dea xogo para os coles que é onde se traballa este día”. Asístelle a razón: as Letras Galegas son traballadas polos escolares e polas axencias de viaxes.

Xosé Luís Axeitos explicou nunha entrevista as claves para a escolla doutras edicións. Desvelaba que os candidatos eran consensuados en xuntanzas previas á votación. A maiores, confesou que o criterio non atendía á valía intelectual. “Cando saíu, por exemplo, María Mariño, considerabamos que había que buscar unha muller, que había esa demanda”, apuntou cunha sinceridade cándida.

Axeitos expuso iradamente que “a Academia está enferma, danada de morte”. O exsecretario diagnostica a doenza como se el non tivese sido o ideólogo do 'ferrinato'. Un figura.

Photo: Frances Desmore recording Mountain Chief