paris-zoo-paris-zoo-notre-dame-jardin-des-tuileries-quartier-latin-louvre-print-360311-adeevee

Cando os norteamericanos liberaron Garmisch do Terceiro Reich requisaron as mansións para dar abeiro aos seus soldados. Nunha das apetecibles saíulles ao paso un vello proclamando que era Richard Strauss. O tenente que mandaba naquela unidade ordenou a inmediata retirada porque coñecía as composicións musicais do alemán. Esta mañá encetei unha novela infantil, unha nova aventura de Os Sabuxos. Juan Tallón desconfía de que vaia escribir sesenta folios en quince días. Seica que Filgueira Valverde tamén redactou algún texto para nenos. Probablemente lle dedicou menos tempo ca eu. Non llo lin nin teño motivación. Simplemente cito esa obra ou obras porque é unha das excusas que achegan os defensores do 17M15 para situala como factor que axudará a popularizalo. “Ben, meniños, nun descanso entre a xestión de Pontevedra que lle encargaron uns amigos novos que perseguían aos seus amigos de vello e a participación dun órgano nulamente consultivo dun ditador criminal en Madrid, o noso Filgueira investigou curiosidades do pasado e mesmo acordou de vós, que sodes o futuro, para dedicarvos unhas letriñas ben churrusquiñas”. E, claro, a literatura para rapaces mesmo ten que sexa boa ou mala porque o importante de cara ás Letras é que haxa unha fenda para que os colexios coñezan o homenaxeado. Estas noites teño fantasías coa celebración de maio, as ensoñacions lévame a imaxinar como se van amañar, quen vai asistir, que van argumentar os laudantes. A novela dos Sabuxos comeceina na casa de mañá e continueina no café Cantón de Ribadeo, onde me serviron un auga con gas que talmente podía ser de Vichy e levar unha efixie de Petain. A auga gaseada non me sabe nin deixa de saberme, pero béboa porque lin que os británicos adoitaron o costume burbullado cando se espallou o convencemento de que os nazis andaban envelenándolles os pozos. Tallón cita no seu divertidísimo Manual de fútbol (Edhasa) un personaxe da película La jungla de asfalto, de John Ford, que non se fia da Policía, “porque, cando menos o esperas, ponse de parte da Lei”. Richard Strauss estaba na listaxe dos colaboracionistas porque, entre outras torpezas, compuxera o himno das Olimpiadas do 36; pero arriscouse a renegar cando soubo que pretendían dar caza a un seu amigo e colaborador xudeo apelidado Zweig. O centenario de Strauss, en 1964, pasou silandeiro; este ano súmanse outros cincuenta. De Risco soubemos que o dobrou o medo; de Torrente, talvez que creu na rexeneración contra a vella política da casta coa que fascinaba a Falanxe; de Cunqueiro, que era un amoral. Pero de Filgueira? Asentouse no sistema e nunca se desculpou.