Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
22 juillet 2014

ORIENTE MEDIO ARREDOR DE NÓS

 

Henri Cartier-Bresson - Rome, 1959

 

Tiven unha breve estadía en Israel Palestina hai 25 anos. O pouco que escribín sobre o conflito de ambos os países fíxeno baseándome neses once días percorréndoos de xeito estenso e fugaz. O ton dos textos todos foi naturalista, non político. Hai un par de anos asinei un manifesto que me remitiron e hai un par de días vinme empuxado polas costas a unha trincheira. Os que me empuxaron ocupaban a trincheira oposta e necesitaban alguén contra o que disparar. A falta doutro vulto, escolléronme a min, imaxino que porque non sei resgardarme e falei de feitos que coñecera, ou porque estou garrufo, que estas decisións son caprichosas. Cando recibín os primeiros impactos aínda non me pronunciara sobre a masacre de Gaza, pero despois fixen varios comentarios en Twitter para intentar que non me convertesen no inimigo número 1 da causa. As causas son moldes nos que entran as persoas carentes de sentido crítico. Ben, as causas son coma os trens-hotel: senteste cómodo, danche todo feito e lévante por unha vía concreta cara a un destino seguro. Eu amo a Sócrates, o seu cuestionamento incansable para achegarse a unha idea tanxente coa verdade. Sobre todo, amo pensar por min mesmo, sen causas que me limiten a reflexión. Tras comprobar que en Galicia hai numerosas redes de wifi e que os bares abren demasiadas horas porque non deixaban de citarme afeísticamente, retireime para evitar tanto ataque sen fundamento. Pero non cesaron. Os increpantes non se baseaban no que eu escribira, é dicir, no que eu pensaba, senón no que eles supoñían que eu debía pensar -non no que debía de, senon no que debía-. A maioría deles foron anónimos, o que define o nivel de argumentación. Outros, aos que respecto por iso, identificáronse. Daquela tratei de que a lea esmorecese. Non o logrei porque Galicia está sobrada de expertos na crise palestino-israelí que non precisan coñecer o terreo nin os protagonistas. Acertan opinando a milleiros de quilómetros baseándose nas ideas que lles entregan co kit da causa. Mesmo non precisan de matices porque os matices debilitan o convencemento absoluto de acariciar a verdade. No fondo, a causa é o de menos. Houbo, hai, outras masacres con maior o menor número de vítimas, pero non moralemente menos lesivas: Libia, Siria e Exipto; África negra e Kurdistán son masacres permanentes; agora Ucraína, con douscentos mortos nun só acto, cun unico misil, que impactou en moitas nostalxias soviéticas. Pero esoutras barbaries, máis ou menos criminais ca que está perpertrando Israel en Gaza, non colleron o corpo de causa. Cando estás protexido por unha causa, sabes que na trincheira de enfronte non hai razón válida por mínima que sexa. Eu intentaba camiñar por terra de ninguén, a campo aberto, pero turraron por min cara á trincheira de enfronte. As persoas que asistiron a algún curso meu de literatura ou xornalismo saben que lles aconsello a cada pouco que escriban sobre o que coñecen. Daquela, non podo ignorar o consello cando teño que aplicarmo.

Photo: Henri Cartier-Bresson. Roma, 1959.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité