UNHA FUGAZ ESTADÍA CEGA NO PRACER ALLEO
No paseo de regreso á casa de hoxe sentín un grilo no interior opaco dun mato. Os grilos máis fortes fregan as ás para apareárense. Sorprendeume escoitar a ese grilo porque nunca me acontecera en Lugo. Na casa da infancia, en Ribadeo, era habitual o manto de sons de grilos que ascendía dende o xardín á miña cama, nun cuarto do primeiro andar da Casa do Gato. No alborexar, saíamos cazalos asolagando os seus tuneis con mexos ou con botellas de auga para atrapalos en botes dourados de pelotas de tenis Dunlop cando fuxían. O regreso á casa de onte foi máis divertido. Atravesando a rúa do Doutor Fleming, no medio do silencio fresco da noite, sentín un orgasmo pracenteiro, prolongado e feminino. Fiquei parado pola sorpresa. A rúa estaba baleira, as ventás apagadas e semellaba que eu era o único espectador. Quedei quieto uns segundos, sorrindo con incredulidade. Esta noite pensei en que nin vira o grilo que xeraba expectativas de sexo nin a muller que estaba gozándoo. Soamente a chamada do becho e os berros da moza.
Photo: Gang Busters, true crime radio show (New York, 1930s)