MARGARET THATCHER INTO HER CAR

Foucault confesa ao principio de El orden del discurso (Tusquets) a incomodidade que lle representa comezar a falar diante doutras persoas, recoñecendo que prefire sorprenderse "envolto nas palabras". Ese libro recolle súa lección inaugural no curso de Historia dos Sistemas de Pensamento de 1970 no Collège de France. Na pasada fin de semana estiven intentando compaxinar a lectura dese texto co acompañamento á miña nai, Itziar, na terraza do Náutico de Ribadeo. A tese de Foucault é que, para que se produza un discurso, ten que haber unhas condicións propiciatorias, un "ritual da circunstancia". O argumento convencíame mentres agardaba pola miña nai, pero ela logo de cegar estaba desmentíndoo. A medida que persoas coñecidas, vellos e reputados amigos, se achegaban a terraza, a miña nai ceibaba unha longa explicación da súa nova doenza, a vertixe. Para que ningún interlocutor dubidase da existencia da doenza, compulsaba a súa realidade cun rico anecdotario de opinións médicas e experiencias propias e alleas. Non podo dicir que a miña nai ignorase de xeito completo "o ritual da circunstancia", pero aproveitaba elementos remotos. Estando nun club marítimo era normal que o asunto da marea aparecese no diálogo, presenza que era aproveitada por Itziar para masculinizala como mareo e facer un novo recitado memorístico do seu historial médico relacionado coa vertixe. Cando un padece un mal, sexa unha revés vital ou unha doenza, vai descubrindo, a medida que o espalla no coñecemento dos outros, que hai moita xente que tamén o sofre ou coñece a algun perxudicado. Existen numerosas comunidades de persoas sometidas á mesma desgraza sen saber unhas doutras ata que xurde o asunto nunha conversa. A miña nai chegou a expresar esa comuón o sábado deducindo que a vertixe era "a enfermidade de moda". Para chegar a esa conclusión foi positivo que desprezase "o ritual da circunstancia". Era falar da súa vertixe sen motivo aparente e, automaticamente, atoparse integrada nunha comunidade solidaria no padecemento.