Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
10 septembre 2014

DOUS TRENS CORREN AO CHOQUE CONTRA UNHA COLUMNA TRAXANA

if your heart

Roberto Blanco Valdés negaba onte na Radio Galega a teoría do choque entre o nacionalismo español e os nacionalismos catalán e vasco. "É unha falacia". Ao seu entender hai "dous trens que van ao choque da Constitución". O sofisma de Blanco Valdés non deixou de volverme á cabeza dun xeito reiterado mentres ía comprar o pan no Gadis. Sobre todo porque procedía dun estudoso do Dereito Político ao que non vou rebaixar o coñecemento nin o mérito; si pretendo refutar o argumento. Segundo aseguraba onte, hai dous movementos independentistas que teiman en turrar contra unha columna traxana, que sería unha norma solmene e sólida coma un monumento en mármore chantado para a eternidade no centro dunha praza memorialística. Explícome. Deduzo das palabras do catedrático da USC que a Constitución se redactou coa intencionalidade política equiparable á dos farmacéuticos que escribiron o prospecto do Junifen que lles dou aos meus fillos cando lles doe algo. A partires da súa afirmación, podo deducir que en 1978,cando España redactou unha fórmula científica, máis cercana á fiable Matemática cá maleable Historia para organizar a democracia. O catedrático de Dereito Político debería lembrar o artigo 2º da Constitución Española: "La Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española, patria común e indivisible de todos los españoles". Nada ten de inocente o xeito no que os seus redactores, entre eles Manuel Fraga, usaron, situaron e enfatizaron as palabras "indisoluble" (que reiteran con "unidad" e con "indivisible"), "nación" e "patria". A maiores, fíxase que a "Nación española" é o "fundamento" da Constitución. Supoño que con esa base inspiradora de carácter nacional español, entenda que a moitos nos remexa as tripas escoitar que é unha norma de amparo ecuménico para toda idea política. O enunciado "La Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española" soa a convite de Gila: "Si no le gustan las bromas, márchese del pueblo". Non lembro o nome do meu profesor de Dereito Político en Santiago, soamente de que era un vello de calva amarelecida que lía os seus apuntamentos coma se vivise na atracción feiral El Tren Fantasma. Acordo do profesor de Dereito Natural, Francisco Puy Muñoz; pai de Pedro Puy Fraga, por certo. Puy Muñoz era un señor xovial que nos obrigou a comprar tres seus tomos nos que citaba capítulo a capítulo, con persistencia que resultaba conmovedora, a Fraga e máis ao papa Xoán Paulo II. Con este excurso final pretendo facer patente que mesmo algo tan universal e de aceptación xeral como son os dereitos naturais do home é lexible de moitos xeitos. Puy Muñoz, por exemplo, optaba por facelo guiándose por un dirixente conservador católico, que era o seu cuñado, e por un dirixente católico conservador, que non debía de selo. Boa noite.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 430
Publicité