plan de roubo

O meu amigo Manel Gegúndez provocaba de cando en vez afirmando que el apoiaría a independencia de Galicia unicamente se a gobernasen caciques. Semella que Cataluña acabará por ser un estado de seu e un estado cos seus caciquiños. Non o logrará agora; senón dentro dunha xeración política, que diría Álex Salmond. A liña do horizonte da independencia albíscoa a vinte anos vista, unha vez que se consolide Europa como grande estrutura, se disolvan os estados e se organicen os ámbitos territorias máis cercanos entre eles. Galicia debería empezar a entenderse con Asturias, León, Zamora e o Norte de Portugal dada a imposibilidade de formar un ámbito político e administrativo de seu con 2,7 millóns de habitantes. Pero o combate que se desenvolve agora é a Batalla de Cataluña. Os servizos de intelixencia españois, deseñadores da estratexia españolista, están atacando polas armas da evasión fiscal e das amantes aos caciques cataláns. Esa táctica vailles permitir gañar algo de tempo porque xenera confusión e desconfianza entre os partidarios da secesión, numerosos e maioritarios, pero non vai lograr que reconsideren a súa decepción, irrebatiblemente asentada, cara a uns caciques estatais que tamén padecen de manobras escuras no ámbito económico e non menos no sexual. A maiores, eses dirixentes unionistas son os responsables de trinta anos de desprezos, negativas e malas caras como resposta ás demandas catalás. Ese xeito groseiro de ignorar a toda unha sociedade contribuíu, coma unha levadura de carraxe, a que os arredistas medrasen dende 3.600 ata 1.800.000 en 14 anos, segundo cifraba Manuel Jabois no Mundo. En vindeiras diadas é probable que a cifra non varíe, mesmo que medre favorecida pola torpeza do executivo de Rajoy, ese señor dotado dunha habelencia bíblica para deixar en mans doutros e do paso do tempo a resolución de conflitos que lles caen baixo a súa reponsabilidade. O presidente español debería intuír que non vai vencer a un estadista intelixente e un estratega excepcional coma Jordi Pujol no seu campo, no campo do poder e da economía, nin sequera no campo enlamado da súa vida privada. Os oficiais do CNI non deberon mirar Sed de mal. Ignoran, logo, a debilidade de Hank Quinlan (Orson Welles), "gran detective, mal policía", que vive na outra banda da lei norteamericana e que cruza a fronteira andorrá con México para consultar coa meiga Tana (Marlene Dietrich). "Leme o futuro, Tana". "Non podo, Harold. Non tes futuro, marcha para a casa". Un galego, aínda un galego azaroso e superficial como Rajoy, debe saber a importancia da superstición, do mundo que non é sensible, dese ámbito extrafísico no que Pujol se deixaba guiar por Adelina, unha meiga, unha caradura con baralla, que o convencera de que un ovo podía reflectir as envexas que, resulta obvio, concita todo home poderoso. Se o expresident é tan cándido como acreditar en algo tan ridículo ata o punto de que lle poña medo unha estafadora, ese debería ser o flanco de ataque polo que deberían acometer os unionistas.