CANDO MENOS O ESPERAS, RAJOY PONSE DE PARTE DA LEI
Eu teño unha sospeita bastante sólida de que Mariano Rajoy existe. Mesmo empezo a estar canso desas teorías extravagantes que sospeitan que morreu hai un tempo, pero deixou vídeos gravados nunha manobra audaz de Arriola inspirada pola lonxevidade audiovisual de Bin Laden. Non, Rajoy non pode nin ser sequera un experimento de garaxe construído por Moragas e Pons. Ninguén pode sentir tan baixa estima polas capacidades propias como para opinar sobre o referendo escocés agochándose tras un vídeo máis axeitado para un candidato a Tengo una carta para tí ca para un gobernante occidental e democrático. Ese vídeo confirma que Rajoy existe e sabe ler o telepronter, non sen un molesto eco que soa máis a unha casa okupada ca a pazo de La Moncloa. O contido do vídeo é aínda máis defectuoso. Afastándose de felicitar aos británicos por permitiren expresarse dun xeito contabilizable aos escoceses, remarcou que se respectou A Lei. A Lei era un texto aceptado con solemnidade e temor na ditadura franquista, pero esa reverencia non respondía exactamente ás vías que escollera a vangarda social nos últimos anos daquel Pleistoceno. A palabra lei andaba sempre parella da palabra orde neses corenta anos. Mentres escoitaba a Rajoy, con ese eco que parecía darlle a razón, lembraba a frase de A xungla de asfalto de John Ford:"Non me fío da Policía: cando menos o esperas, ponse de parte da Lei". Dou por suposto que Rajoy ten amortizada a súa escola ideolóxica, pero aínda lle queda esa devoción porque todo estea no seu sitio e que cada centinela vixíe dende o seu posto. Botei en falta que o presidente do Goberno español se dese hoxe por informado de que hai estados en Europa que respectan as súas leis porque teñen leis que responden ás tendencias sociais, de que hai estados europeos que aceptan que unha parte do seu todo vote sen necedidade de que o todo participe na votación sobre o futuro desa parte e, por riba de todo, de que un político británico sabe renunciar cando a súa causa perde. Rajoy debería regalarlle a Gallardón unha fotografía de Salmond, un demócrata ata a última consecuencia.
Photo: Robert Doisneau