gangsters

TODOS ACABAMOS por volver á casa, aínda que pasen anos. Lou Reed regresou á casa, quince discos máis tarde. Chamou ao álbum New York, sinxela e reveladoramente. Arrinca o disco cantando en Romeo had Juliette: «Atrapado entre as estrelas retortas/ entre as liñas trazadas do mapa defectuoso/ que trouxo a Colón a Nova York».
O luns cumpriuse un ano do seu pasamento. Morreu demasiado novo, sen tempo a saber que Colón era galego. Se cadra 1.492 asuntos interesábanlle máis.
O martes unha mesa redonda en Santiago concluíu que Cristóbal Colon era galego. Os expertos achegaron teses tan rigorosas como a medición da sensación térmica ou a frecuencia coa que a rapaza da curva da lenda se aparece en sábado. Achegaron o argumento da toponimia galega que se atopa en América. Citaron coincidencias coma Punta Lanzada ou os nomes de confrarías de Pontevedra —Puerto San Nicolás, illa de San Juan Bautista, cabo San Miguel e illa Catalina—. Nomes exclusivamente galegos, seica.
Pero das especulacións xurden cousas divertidas. A asociación Cristóbal Colón de Pontevedra defende que ao longo da súa vida o navegante cambiou de identidade en diversas ocasións, sendo, en realidade, Pedro Madruga.
Os integrantes banda The New York Dolls tamén disimulaban con perrucas, tacóns e maquillaxe. Soamente tocaron entre 1971 e 1974, pero fundaron escola no glam rock. O seu single máis coñecido foi Personality crisis.
A crise de personalidade é un asunto moi neoiorquino. A cidade desenvolveuse coa chegada de nobres europeos que fuxían dunha crise. Edith Wharton cóntao en A idade da inocencia a través da metáfora da condesa Olenska, que chega dende Europa para esborrallar o equilibrio social da cidade a golpes de paixón e sexo.
Henry James, o escritor neoiorquino detectou a fins do XIX o problema: «É un complexo destino ser americano. Implica loitar contra a sobrevaloración de Europa».
Os neoiorquinos superaron ese complexo e agora padecémolo os europeos diante da grandeza da súa cidade.
Lou Reed nunca se deixou fascinar por eses himnos de grandeza. En Romeo had Juliette anuncia: «Levarei Manhattan nunha bolsa de lixo/ cunha inscripción latina sobre ela que diga/ «é difícil que algo che importe unha merda hoxe en día»/ Manhattan afunde coma unha pedra/ no sucio río Hudson/ Que impresión!/ Escribiron un libro sobre iso/ dixeron que era como a antiga Roma».
Imaxino que os nosos estudosos de Colón ignoran quen foi Lou Reed. Deben de ter 1.492 cuestións máis importantes nas que investigar.De coñecelo, poderían comprender por que compara Nova York con Roma. O Nova York que vía eran as rúas sucias polas que se paseaban prostitutas coa ollada atenta ao camelo de garda e con rumbo de evitar esmoleiros; elementos do mobiliario urbano, como as papeleiras.
A semana pasada empecei a ler El secreto de Joe Gould, que reúne dúas reportaxes de Joseph Mitchell sobre un miserento, temendo que me estremecese a soidade que padece Joe Gould. A imaxe sucia e pegañenta de Gould volveu impresionarme ao reler Illa Soidade, o artigo que lle valeu o Premio Fernandez del Riego a Manuel Bragado. O columnista e editor conmóvese cun esmoleiro duns 80 anos que aniña nunha cova moderna, a porta dunha tenda pechada pola crise.
Pero non hai unha páxina de Mitchell na que debas lamentar a soidade de Joe Gould: ten ducias de amigos e gaivotas que o distraen. Bragado tamén conta que o mendigo recibe axuda dun rapaz que o leva tomar café, e que se acompaña dunha radio.
Para percibir a soedade estarrecedora da gran cidade, ha de lerse a Maeve Brenan, gran dama irlandesa. En ‘Crónicas de Nueva York’ describe como pasea, xanta en restaurantes caros, pasea, múdase duns apartamentos de luxo a outros, pasea. Non fala con ninguén. Dobrega á soidade posuíndo. «Non hai un escaparate en Madison Avenue que non conteña algo que desexe».
Sobre esa sensación áspera de carecer de compañía fala tamén A cidade de cristal, a novela de Paul Auster, que David Mazzucchelli e Paul Karasik adaptaron a cómic. El Patito Editorial vén de traducilo para o galego. O libro comeza cando alguén chama á casa de Daniel Quinn preguntando erradamente por un detective. Quinn déixase arrastrar pola aventura e a inconsciencia para contestar como se fose o investigador. Séntese tan só e aburrido que adopta outra personalidade, coma The New York Dolls ou Pedro Madruga.
Este verán descubrín un rostro humano en Nova York mirando Man on wire, o documental sobre Philippe Petit, o equilibrista francés que o día 7 de agosto de 1974 paseou entre as Torres Xemelgas sobre un cable a unha altura de 417 metros. Camiñou sen permiso sobre as beirarrúas de Manhattan, sobre as prostitutas, os camelos e os esmoleiros aos que atendía Lou Reed cando noreaba por esa Illa Soedade que é Manhattan. Petit, camiñando por ese fío de vida sobre morte asustado e ditoso, reveloume que a humanidade reside en empuxar a existencia ata o borde do abismo.
O funambulista sentíase alí arriba como o protagonista de Brooklyn Follies, de Auster, que sae pasear ás oito da maña do 11 de setembro de 2001, «46 minutos antes de que o primeiro avión se estrele contra a Torre Norte do World Trade Center». «Máis de momento eran as oito da mañá e eu, mentres camiñaba baixo aquel ceo de brillante azul, era feliz».