Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
16 novembre 2014

"LOS VIENTOS DOMINAN GALICIA"

Julio Cortázar no Sena

Aurora non o daba crido cando viu a anciá co corpo enxoito e pálido oculto baixo teas negras que se presentara no ultramarinos dos seus pais. «Son a túa avoa, Auroriña», anunciouse con naturalidade e firmeza. A vella parecíase desconcertantemente á súa avoa, falaba galego coa dición mastigada da súa avoa; pero estaban no centro de Bos Aires e a súa avoa vivía nunha aldea de Maside, en Ourense.
Aurora Bernárdez lembraba a a avoa dos catro anos, entre 1920 e 1924, que vivira cando nena en Galicia, entre Maside, Vigo e Lugo. Si, non había dúbida. A anciá que a chamaba «Auroriña» era a súa avoa ou, cando menos, a fantasma da súa avoa.
A vella xustificouse «entereime de que o papá morreu, así que vendín a casa de Galicia para vir onda vós». Estaban xa nos avanzados anos 40. Os transportes melloraran notablemente, pero aínda había que embarcarse durante un mes para chegar ao Porto da Prata e, unha vez alí, amañarse para dar co enderezo dos Bernárdez. «¿Y cómo hizo para llegar hasta aquí, abuela?» A avoa non dubidou: «Foi como por cousa de encantamento, fun polo aire e vin polo vento».
Aurora Bernárdez acabaría sabendo de ventos porque casou cun observador dos ventos: Julio Cortázar. Sabía del porque lle lera, con fondo impacto, o conto Casa tomada en 1948. Non moito máis tarde presentoullo unha amiga. No ano 1952 reuníronse en París, onde el vivía dende un ano antes. Ambos, licenciados en Literatura, acabaron traballando para a Unesco.
Aurora, paralelamente, verqueu para o español obras de Lawrence Durrell, Gustave Flaubert, Italo Calvino, Vladimir Nabokov, Albert Camus, Jean-Paul Sartre ou William Faulkner, pero nunca publicou nada propio. Durante unha visita a Madrid preguntáronlle o motivo. Evitou responder.
Non debe de resultar doado vivir a carón dun xenio da literatura. Marina Castaño non tivo o sentido común de Aurora Bernárdez e publicou unha novela, Toda la soledad (2001), aínda con Camilo José Cela traspirando, se ben o escritor estaba xa entregado a aquel doce paxaro de xuventude, que ofrece a súa mocidade a cambio de sona e cartos, como na obra de Tennessee Williams. Castaño segue parecendo agora, coa súa fortuna palidecendo nos tribunais, unha personaxe de Tennessee Williams, a Maggie (Elizabeth Taylor) de A gata sobre o tellado de zinc quente.
En 1956, Aurora presentaba o seu país soñado, Galicia, ao seu home. Cortázar visítao e escribe fascinado a un amigo: «¿Te acuerdas del Pórtico de la Gloria, en la catedral? Y los soportales, las plazas por la noche. Ese tono tan distinto de Galicia. Creo que para mí el gran descubrimiento, por inesperado, fue el paisaje. Cuando volvíamos de Santiago a León el tren anduvo toda la tarde junto al río Miño. Pegado a las ventanillas, no podía creer que eso fuera verdad. Comprendí de golpe la poesía galaico-portuguesa, esa presencia del verde, de los ríos, del égloga. Orense, Redondela, las rías, los viñedos infinitos con las cepas apuntaladas por sostenes de granito, como pequeños dólmenes que brillan entre el verde. Me he prometido, si alguna vez tengo un deux chevaux, llevar a Aurora a Galicia, instalar cuarteles de primavera en Redondela, y dedicarme a los paseos, a la pesca, y a herborizar como Rousseau».
Cortázar non debeu de comprar un Dous Cavalos porque non cumpriu a súa promesa. Cando menos, na súa totalidade. Ao verán seguinte, en 1957, os ventos do noreste devolvéronos a Galicia. O escritor sentiu o abrazo do cercano no hotel de Lourido, ao sur de Vigo; onde se hospedan: «Nos adoran porque desde el patrón hasta el cocinero todos han trabajado en Argentina». A Cortázar divírtelle que o hotel estea «henchido de robustos y aburridos alemanes... todos los cuales leen ‘Lo que el viento se llevó’. Y no está mal, porque el viento es el gran tema de esta región».
O vento é o gran medio de transporte galego. Levou á avoa de Aurora a Buenos Aires. Támén levou a Eugenio Funes dende o lugar de Fisteus, en Quiroga, ata o Instituto Tecnolóxico de San Antonio, en Texas, onde propuxo un invento básico para que o Apollo XI chegase a Lúa en 1969. Ese ano Aurora e Julio cumprían un divorciados, dende que o Maio parisino forzou que o amor os separase.
Eugenio Funes. O inventor da Lúa é un documental de Enrique Otero, que se presentou o mércores en Cineuropa, o festival compostelán. Funes sabía que na Lúa non sopran ventos de consideración, pero descoñecía os aires traidores da ciencia. Alguén se atribuiu o seu invento e a el devolveuno a Galicia cunha intensa tristeza.
O inventor acabou abandoándose nunha caravana en Rodeiro, «vivindo para dentro», como opinaba Cortázar que vivían os galegos. Aínda que lle provocaban curiosidade polo carácter enigmático, o autor de Casa tomada sentía respecto polos galegos. Aurora Bernárdez foi a única das súas tres mulleres que non o deixou so. Cando unha doenza encarou o escritor coa nada comprobou como Aurora volvía onda el coa fidelidade aprendida da avoa. Cortázar morreu en 1984; Aurora Bernárdez, o pasado día 8, no ano do centenario do nacemento do seu home.
Unha frase de Casa tomada é unha boa explicación para o seu amor, para saber por que Cortázar a escolleu. O narrador comenta que Irene era «unha moza nacida para non molestar a ninguén». Cando o escribiu aínda non coñecía a Aurora, faltaban uns meses.

Publicité
Publicité
Commentaires
J
Que grande xornalista daba!
Répondre
M
Non é maldade. É xornalismo. Cando morreu Blanco Amor chegou antes que a ambulancia. E xa lle arrabañara o DNI.
Répondre
J
Canta maldade alonsomonteriana a súa....
Répondre
M
Pois eu tiña unha de Celestino F. de la Vega guindándose da ponte, que mercara nos Almacéns da Gran Bretaña, da Praza de Santo Domingo, pero un día deixeina enriba dunha mesa e levouma Alonso Montero.
Répondre
J
É broma, é. A foto do Cabe atopeina nun anticario que houbo en tempos no Monte de San Vicente. Así foi.
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 534
Publicité