Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
18 novembre 2014

O AMOR NOS BARRIOS DO CÓLERA

Alain Finkielkraut desvela costumes tristes das cités francesas (en La identidad desdichada, Alianza Editorial). As cités son as barriadas nas que viven os miserables do postcolonialismo, fundamentalmente os netos do Magreb. As rapazas deben levar veo. Algunhas valentes evitan cubrir a cabeza, pero non ousan poñer saia (xa non maquillarse ou subir a tacóns). Censúranse a levar pantalón, mais non pantalon e tenis, non; ha ser pantalón de chándal e chaqueta de chándal. Como atrevemento, cubren o pelo cunha gorra pode facer as veces do veo. Non se pode ser pobre de segunda xeracion e neta de inmigrantes, e asemade muller. As mozas han parecer homes e os homes máis homes ca elas. A saia é unha prenda "de prostitutas", segundo mozos nacidos en Europa, que viven en Europa e están educados (aínda que parcialmente en moitos casos) en escolas de Europa. "As francesas poden; as árabes, non", din. A maiores, o amor en público é afeado. Un rapaz que colle da man á moza (xa non bicarse) perde masculinidade. Finkielkraut foi a miña lectura da madrugada de onte. Entrementres, escoitaba Let's get it lost, na voz femineizante de Chet Baker, tan temerariamente guapo. Esta maña lin unha información do ABC sobre a publicación dun novo volume das Obras completas de Josep Pla, La vida lenta. Descoñecía a pulsión sexual do escritor por unha prostituta (ela vestía saia, entendo) á que descubriu nun bar de alterne e de postguerra. Pla recuperouna para a vida digna. Foderon durante unha década. En 1952 Aurora marchou a Arxentina coa fin de casar. A excitación que causaba en Pla nunca amansou. Sendo ancián, o escritor embarcou para visitala; nun petroleiro. Os dous vellos colléronse da man en público para ir na busca do tempo perdido. Desenvolveron un sexo proustiano de sensacións e lembranzas. "Le retour de l'âge", escribiría Pla.

Photo: Rainy Night, Oxford St.(1960) Philip James Griffiths.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité