Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
23 novembre 2014

O GALEGO FLORENTINO DE BLANCO AMOR

 

home en bicicleta

 

O actor vasco Karra Elejalde recoñece que o peor da rodaxe de A esmorga non foi interpretar en galego, senón interpretar o frío. Elejalde non é de Bilbao, pero podería polo esaxerado. Sostén que, durante a filmación, «padecimos ocho ciclogénesis seguidas», que combatiron con neopreno e camisetas térmicas.
Ese plural no que se expresa inclúe a Miguel de Lira e Antonio Durán, Morris. Ignacio Vilar escolleu os tres para regaleguizar a versión cinematográfica da novela A esmorga de Eduardo Blanco Amor, que Gonzalo Suárez asturianizara en 1977 ao filmar La parranda.
O primeiro que me sorprendeu da película que vén de estrearse foi a teima feliz de poñer un señor de Vitoria a falar galego. Aínda non me explico como deu convencido a Elejalde. A dificultade non era unicamente actuar en galego, tratábase de expresarse no galego de Ourense.
O dialecto ourensán ten a coñecida peculiaridade de non ser unha corrupción directa do latín, como o galego que falamos nas outras tres provincias. Responde a unha harmónica e suave transición da lingua da República Florentina. Trátase do mesmo idioma sofisticado na que escribían Brunetto Latini, o pensador humanista, ou Dante Allighieri.
Outro poeta, non menor ca Allighieri, é Darío Xohán Cabana. En 1990 achegounos A divina comedia ao galego koiné e agora vén de entregarnos outra laboriosa tradución que publica Edicións da Curuxa.
Ourense non soamente herdou a máis alta expresión desa Florencia que se deitou na longa noite de pedra medieval para amencer no Renacemento, tamén herdou a sutileza da diplomacia florentina, que tan habilmente se manexa na casa dos Baltar.
Eduardo Blanco Amor tivo moito coidado de non quedar durmido na Galicia feudal de principios do século XX. Francisco Umbral sinalou que «se fue muy pronto a América con sus vidas y sus amores difíciles». Fóralle imposible gozalos naquela sociedade homófoba que delimitaba as variantes do amor con normativas de rexeitamento social.
Os intereses afectivos do autor ourensán habían condenalo a padecer eternamente no Séptimo Círculo do Inferno. Dante recluíu nel os violentos, fosen violentos contra si mesmos (suicidas), contra Deus (blasfemos) ou contra a natureza (sodomitas). Blanco Amor podería ser acusado de calquera de blasfemia e sodomía, malia que el advertiu, en referencia a A esmorga, que «he tenido que contar escenas terribles, y no he tenido que recurrir a palabras soeces».
A decisión de escaparlle á negra espalda da incomprensión emigrando a Arxentina con 21 anos salvou o seu corazón. «Viví 45 años en Argentina y tuve de primer amante un tipo de nurriture céleste (alimentación celestial), y después, terrestre, de las que estuvieron privados los españoles», comentaba con alivio sobre a normalidade coa que viviu grazas ao exilio sexual.
A fuxida á fin da noite tamén lle valeu para poñer a flote a súa literatura: «De haberme quedado en España, me hubiera quedado en un Wenceslao Fernández Flórez o en un pastiche de Valle-Inclán».
A consecuencia de aceptarse como «un dandy de tercera clase en su buque carguero, elegante de pasaje económico, un primerísima clase de las letras» —prosigo tras Umbral— foi que se incardinou nas vangardas arxentinas dos anos 20, que viviu no dique no que rompían as ondas das vangardas internacionais. «Yo llegué tres años antes de la vuelta europea y adolescente de Borges, cuando volvió de educarse en los normandos y los clásicos. Tres años antes», repetía a cifra para deixar clara a súa anticipación ao xenio que deixou ao Nobel sen o seu talento.
Blanco Amor non cansou nunca de presumir dunha posición na editorial Emecé de Bos Aires que lle permitiu encargar unha colección de novela negra a Borges. «La colección debió haberse llamado El Club de los Ladrones, y se llamó El Séptimo Círculo, que es, al fin, el del hampa y el crimen». Evidentemente, Borges sabía a natureza dos condenados nese círculo dantesco. Blanco Amor cubriu a posible ofensa coa tea sedosa do seu humor.
Ao regreso a Galicia, en 1965, Blanco Amor percibiu como unha necesidade traducir La parranda, para o galego. Como escribiu Cortázar, «o galego respira polo idioma». O ourensán xustificouse dicindo que «preciso rescatar mi idioma, logrando una integración entre dos situaciones límite: el gallego como lengua de necesidad, popular y cotidiana, y esa otra lengua intelectual, por tanto, minoritaria, clasista, que predominó en los creadores literarios». Así que reescribiu A esmorga en delicioso galego florentino.
A esmorga foi o agasallo que nos legou Blanco Amor antes de morrer no exilio dun taxi. O xornalista pontevedrés Javier Alfaya contaba, aquel primeiro de decembro de 1979 no que o escritor quedou murcho, que a última vez que o vira «xa non tiña ollada». Sentiuse mal no hotel onde residía en Vigo, colleu un taxi para buscar auxilio nunha clínica e morreu no coche. «Morte de escritor», sentenzou Josep Pla, con sinceridade espida de cinismo.
Umbral escribiu con crueza impresionada: «Un escritor tan viajero ha de tener un taxi por ataúd». Sentiu o pasamento de Blanco Amor coa mesma nube escura no ánimo que cubriu a Dante Allighieri cando atopou ao seu admirado Brunetto Latini, aquel de quen aprendera «o xeito de inmortalizar un home», encerrado no Séptimo Círculo por ser homosexual.

Publicité
Publicité
Commentaires
M
Completo e brillante artigo.<br /> <br /> <br /> <br /> Hoxe en día, o taxi xa non é un exilio senón unha celda de castigo. Torturan coa Cope.
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité