MONARCAS, DIVAS E EXILIADOS
ESTA SEMANA ASISTÍN a varios debates privados e economicistas sobre Retrato de la familia de Juan Carlos I, o cadro que Antonio López comezou candos os trens circulaban a 40 quilómetros por hora en Galicia. A velocidade media no transporte ferroviario galego sigue ralentizada e, inopinadamente, o artista entregou a obra. Vinte anos e 300.000 euros despois. Antonio López excusouse coma unha noiva que chega tarde á voda. Culpou ao vestido, ás fotografías e á cuñada: que se o vestido de doña Sofía, que se as imaxes de Chema Conesa, que se a doña Cristina estaba de viaxe,...
A explicación do atraso na entrega non está tanto no detalle como na oportunidade histórica. Quero dicir, que a graza da monarquía consiste en que responda a aquilo que escribiu John Steinbeck de que «todas as cousas grandes e bonitas fican lonxe». Os reis fican lonxe de xeito físico porque viven pechados en palacio e deben ficar tamén lonxe de xeito temporal. Un cadro que representa uns monarcas non se pode presentar aos tres meses da encarga. Hai que deixar un tempo humano considerable para que os retratados abandonen os nosos días e entren no tempo do mito. Antonio López logrouno con eficacia e paciencia.
Os británicos son mestres en manter as súas maxestades no tempo mítico. Porén, ás veces, cometen erros de vulto, como ter a Ricardo III baixo un aparcadoiro de Leicester. Un estudo vén de confirmar que un esquelete xiboso atopado nunhas obras lle corresponde. Pero, claro, os ingleses dispoñen dos seus reis a vontade, malia que non consintan a ironía máis lixeira se procede dun estranxeiro.
Os franceses foron máis expeditivos coa súa monarquía. Sendo amantes da razón, optaron por eliminar a lenda de modo brutal e expeditivo, separando con guillotinas corpos e cabezas reais.Francia substituíu unha monarquía de reis por outra de actores e pensadores. Amosou devoción por Sartre e Simone de Beauvoir, que viviron a súa infidelidade minuciosamente regulada sobre o precioso escenario de París.
Julian Barnes asegura en Niveles de vida (Anagrama) que a actriz Sarah Bernhardt (París, 1844-1923) se queixaba da rexouba ue dicía que xogaba «ao cróquet con cabezas humanas envoltas en perrucas Luis XIV». Semella unha mentira das que inventaba para elevar a súa aura. Henry James xa nos advertiu que Bernhardt era «unha figura notablemente dotada para facerse ver».
A intérprete gala sabía que a vida pública require unha certa teatralidade, un ton de lenda, para interesar. «Nos conviene que haya tensión... habrá que dramatizar», confesou Zapatero a Gabilondo a micrófono traidor tras o debate televisivo con Rajoy previo á súa derradeira vitoria electoral.
Mesmo un acto tan anodino e simbólico coma unha ofrenda floral pode gañar atractivo ao dramatizalo. Aconteceu na homenaxe que o Centro Pen de Galicia rendeu a Eduardo Blanco Amor no cemiterio ourensán de San Francisco. Participou o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen arrincou o seu discurso nun ton densamente provocador: «A política e a economía non son nada importantes. A cultura é o importante; pero non a cultura de Tele5 nin dos xogos florais, senón a que nos abre os ollos». Alonso Montero estaba sobreactuando, pero o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, non soubo percibir a dramatización e deixouse envolver nela. Fernández enumerou os actos de promoción de Blanco Amor que vén financiando o goberno provincial.
A provocación é o medio para ser rei, para situarse no centro da vida pública. Chévere cultiva dende 1992 no seu teatro esa delicada arte da impostura que causa sorpresa e indignación. No seu caso, a provocación é un transporte para a denuncia. Non comprendín, por iso, que o grupo se deixase provocar tras recibir o Nacional de Teatro que organiza o Ministerio de Cultura. Ignoro se alguén lles imprecou por aceptar o galardón ou se sentiron imprecados tacitamente polo rexeitamento de Jordi Savall e Colita aos seus galardóns en Música e Fotografia, pero que Chévere nos explique o feito de non negarse a que se lles entregue un recoñecemento largamente merecido entra no ámbito da candidez e se achega ao da parvicie.
Sarah Bernhart tería teatralizada a situación. Julian Barnes pon en boca de Fred Burnaby, o seu primeiro marido, nos quince días do seu matrimonio: «É actriz. É francesa. É sincera?». A actriz francesa tiña claro en que lugar quería estar sempre, sobre as táboas. Sendo vella, a raíña María de Inglaterra preguntoulle por que non se retiraba. «Señora, desexo morrer nun escenario, é o meu campo de batalla!».
Blanco Amor sentiuse derrotado por un país que nunca estivo á altura do seu talento nin da súa modernidade e exiliouse. O escritor ourensán foi recordado nunhas xornadas promovidas por Cultura e polo Pen co gallo dos 35 anos do seu pasamento. O presidente do Pen, Luís González Tosar, expresou a gran verdade de que «estamos redescubrindo a Blanco Amor». Moito nos queda para recuperalo do exilio ao que o mandamos en vida.
Outro exiliado ilustre da súa sociedade foi Albert Camus, o pensador más guapo de todos os tempos. Camus foi lido, pero non tivo unha Beauvoir ao seu carón para fascinar ao público.
Días atrás contaba Damián Villalaín, nun congreso dedicado ao pensador galo que se desenvolveu no Consello da Cultura, que tivo á súa actiz, a coruñesa María Casares. Ben puido ser Sarah Bernhart de exarcebar a súa traxedia familiar.
Photo: Simone de Beauvoir aux Deux Magots (1944) Robert Doisneau.