Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
14 décembre 2014

AS FENDAS NA CASCA DAS ABELÁS

A Lúa nun estudo

Tarde de cine con Sara e Antón onte. Fomos mirar Interestellar. Fascinante lección sobre o Ser o Tempo. Non deixo de lembrar a Heidegger en toda a proxección. Os protagonistas son seres tratando de escapar ás horas que os matan para continuar vivindo. O filme ten mesmo algúns desvíos pedagóxicos no guión que se agradecen porque explica dun xeito comprensible os buratos negros, os buratos de verme e as catro dimensións (ancho, alto, fondo e tempo), á que engaden a gravidade como quinta. O meu pai era físico, pero eu non paso de físico-oínte polo que os meus comentarios ao respecto non pasan de ser apalpadas na escuridade. Regresamos á casa na noite polo negror da Nacional VI. Eu conduzo tras o cadro de mandos no que brillan unhas luces amarelas, verdes e vermellas que o asemellan a unha nave espacial. Someto aos meus fillos ao Kind of blue de Miles Davis porque non me apetece escoitar o ánimo impostado para o saturday night fever dos locutores dos 40 Principales. Soa a miña favorita, Freddy the freeloader, que prefiro á prestixiada So what? O tempo é fundamental no jazz. Hai unha exposición de tema, unha repetición dese tema e, tras a improvisación, unha volta ao tema. O tempo desenvólvese, reitérase e regrésase a el ao final. Sara manexa o móbil para reactivar a súa vida social tras dúas horas e media crioxenizada no cinema. Gustoulle a película, aínda que precisou, coma eu, dun esforzo de concentración para seguila. Antón e máis eu comentamos a idea da gravidade como quinta dimensión. Coincidimos en non entender que, nun planeta teña o 130% da gravidade a respecto da Terra, 1 hora corresponda con 7 anos terráqueos. Se deixo caer un obxecto nun planeta de gravidade X caería e a velocidade Y nun tempo Z; se o deixo caer nun planeta de gravidade X+1, caería a unha velocidade Y+1, polo que o tempo transcorrería antes, a Z+1: a maior forza de gravidade, caería máis rápido; en menos tempo, logo. Iso contradice o paso dunha hora coma 7 anos. Deito aos cativos e sento a ler La Gran Caída (Alianza) de Peter Handke. Sendo unha novela, o escritor formula unha teoría interesante sobre os "limiares do tempo", que son as indicacións da Natureza para marcar o paso dunha estación a outra, unha especie de buratos de verme, aínda que o espazo non se reduza como acontece con eles. Amosa as fendas na casca das abelás como indicadores do Outono. Unha hora despois, na cama, penso no que din na película de que os pais estamos destinados a ser lembranzas dos nosos fillos. O meu futuro máis lonxano é ser unha amálgama de recordos para Sara e outra para Antón, aínda que algunhas lembranzas sexan semellantes. No medio da decepción que padecen os astronautas de Interestellar, hai un consolo de inspiración platónica. Consideran o amor como único medio para transcender as dimensións; levan razón en que ti podes querer a alguén independentemente do espazo e do tempo. Eu manteño o amor cara ao meu pai, malia que o seu espazo xa non existe e o seu tempo é pasado dende hai case cinco anos, pero seica que ese amor non pasa de ser unha sensación que soamente pode atoparse no meu pensamento. É subxectiva e intransferible, soamente comunicable. Ninguén pode sentir o que eu sinto polo meu pai atravesando o espazo/tempo. Os meus interlocutores poden intuílo ou, como moito, sentirse apelados en canto a que eles teñen/tiveron un pai ao que queren. Nin tan sequera os meus catro irmáns poden experimentar un amor coma o meu; será menor ou maior, pero non idéntico; soamente parecido.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité