NENOS REMANDO CONTRA A NÉBOA
Os rapaces do instituto de Rábade mirábanme desconcertados cando lles falaba da vida a 150 quilómetros de distancia, vinte anos atrás, arredor do encoro de Grandas de Salime. Nenos sucando a néboa fría do inverno para iren á escola unitaria, unha parella discutindo por un remo extraviado, o porro como elemento nutricional dos adultos, Pepe lendo e lendo todos os libros dispoñibles sen mirar nin o título, Isabel coidando dos catro fillos coma unha manda de lobatos, os veciños suecos coas Volkswagen máis decoradas de pegatinas, o mariñeiro de Malpica agardando sentado ante a chimene a que pasasen os tres meses de invernía,... A Comuna. A eles indígnalles que se denomine así ao seu lugar, pero trataron de crear outra sociedade nas lindeiras da Sociedade cunha especie de comunismo anarcoide, cunha comunidade relixiosa sen o primeiro freire,... pero fallaron por manterse o respecto, pola igualdade. O comunismo marchou durante algunhas décadas porque había ditaduras vixiando a orde social, o cristianismo funciona en comunidade dende hai séculos porque hai unha autoridade á que non se lle pode chistar ao está respaldada por un superhome que ten a facultade de comunicarse cunha divinidade. Xerando utopías, a relixión supera á política. A confianza en que no máis alto da estrutura hai un ser que escapa ao visible e ao tanxible determinou a superioridade sobre o marxismo, onde o cumio estaba ocupado por persoas.
Photo: Ilayda Portakaloğlu