PATXI NO CORREDOR
NON SEI SE foi vostede ver Interestellar. É unha historia de humanos asustados porque unha praga lles devora as colleitas,porque comisca o seu futuro. Para salvarse, buscan planetas a colonizar. A película trata de humanos colocando obstáculos á barreira que avanza silenciosa que son as horas. A vida é tan espectacular que ás veces nos cremos protagonistas de El show de Truman. Xuraríamos habitar grandes decorados de edificios con actores que interpretan a familia e os amigos. A emoción das superproducións é que ignoramos o final. Sen embargo, a vida acaba mal sen remisión. Eu descubrín o tempo cando tiña todo o tempo por diante, no verán luminoso dos 15 anos. Algunhas noites espertaba de madrugada e sorprendía ao meu avó Patxi camiñando perdido polo corredor. Era vello, pero mantiña a beleza que remitía ao actor James Stweart. O avó Patxi confesábame que non daba acougado na cama porque había morrer. A súa expresión de angustia apuntaba a que se apagaría antes do amencer. A fe católica non aliviaba o seu pánico, a certeza de que o tempo derrota á natureza.
Photo: Istanbul. Omar Biaghi