Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
22 décembre 2014

DIONISIO EN ZAPATILLAS, CAMILO EN ALBORNOZ

 

Camilo José Cela

Dionisio Gamallo andaba por Madrid como pola casa, en zapatillas. Sempre levaba a cabeza fresca polos poemas de Rosalía de Castro e os pés quentes pola felpa. Cruzaba Ribadeo en zapatilla para comprar un brazado de perdiódicos. Camilo José Cela buscouno na súa vila natal cando camiñaba do Miño ao Bidasoa sen atopalo.

    Gamallo deu clase en institutos de Madrid. As letras española e galega estaban escritas na cabeza na súa integridade. Unha tarde na que ventaba e chovía debuxou na casa o mapa do tesouro. No espazo central dun plano de Madrid foi pintado cruces cativas de diferentes cores: azuis, vermellas, verdes,... Eran cruces de San Andrés —coma a novela soxulgada de Cela—, pero non marcaban lugares de martirio, senón paraísos da repostería madrileña. Neste sitio fornean ben os follados, nestoutro danse xeito coas canas, aquí hai saborosos pasteis de mazá.

     Cela foi premiado co Nobel en 1999. Ningunha institución acordou, como se a literatura española estivese para ínfulas

O profesor ribadense colaboraba coa Real Academia de la Lengua, aínda que, por motivos que non comprendo, non foi académico. Seica ás veces pesan máis os contubernios de académicos nas Lentellas dos Mércores cós saberes.
    Un día calquera, Gamallo entrou no edificio da RAE. Un bedel parouno con toda canta autoridade tiña delegada, coma se fose roubar a nova edición do Espasa. Preguntoulle onde demo pensaba que ía; sobre todo, onde pensaba que ía en zapatillas. Dionisio xuraría que coñecía o porteiro de coincidirlle nunhas San Lucas, pero el non recoñeceu. Cela saíulles ao paso para esixir ao conserxe mindoniense un respecto polo intelectual de Ribadeo. O problema de Dionisio Gamallo é que a Academia Española estaba rexida por Fernando Lázaro Carreter, un aragonés tan docto coma seco. Aquel maño ignoraba o efecto devastador dunha conspiración do frío e a humidade.
    A semana pasada, a RAE quedou nas mans sensatas climaticamente dos galegos Darío Villanueva, como presidente, e Guillermo Rojo, como tesoureiro. Confío en que nunca máis académico algún verá afeado o calzado que elixa para o campo de batalla no que os galegos combaten a invernía.
     Camilo José Cela debeu de calzar dous pares de calcetíns, un sobre o outro, hai 25 anos, cando recollía o Nobel en Estocolmo. Non me estrana que os suecos escriban novela negra porque os cadáveres deben de conservar toda a tersura con ese aire polar que varre as rúas da cidade orientadas ao norte. Luis Ventoso protestaba estes días no ABC porque o cuarto de século de Cela pasase tan ignorado como o plano das pastelerías de Dionisio Gamallo, que debería estar prestixiado á mesma altura de erudición cartográfica có mapa de Galicia debuxado por Fontán.

     O sabio ribadense coñecía a razón pola que Rosalía cesou de escribir en galego para diluírse na inmensidade do español. Molestoulle que se risen dela na propia Galicia. Os motivos de Valle-Inclán para usar o castelán son diferentes. Supoño que teñen que ver cun éxito que daquela soamente collía dimensión en Madrid. En Cunqueiro e Torrente Ballester debeu de influír un argumento político —medo, convición ou arribismo; ou as tres cousas—. Cada vinte anos temos unha soberbia xeración perdida de exiliados literarios dos que sentir saudade porque non escriben en galego. Entre os últimos figuran Manuel Jabois, Juan Tallón, Aníbal Malvar, Henrique Mariño e Manuel de Lorenzo. Algúns arincaron a carreira en castelán e non se atreveron ao cambio, outros renunciaron tras comprobar a disciplencia que temos no país de administrar os talentos.
     Todo cando columnista se pasa dende as trincheiras do galego, éuscaro ou catalán ás do español é acollido como unha victoria calada en Madrid. A maiores de cederlles sitios nas súas imprentas e páxinas web, teñen a galantería de loar a «musicalidade» que achegan os galegos ao castelán. Esa apreciación ten bastante de impostura porque o español é abondo rico en rexistros, flexible e lírico como para precisar de cantarelas alleas. Cela sabíao ben,aínda que vaporizase a súa lingua con palabras galegas. Ao contrario do que opinan en Madrid, o problema téñeno as outras linguas estatais co castelán, unha árbore tan grande e vizosa que malamente dexia medrar unha herba na súa sombra.

     Cada vinte anos temos unha xeración perdida de exiliados lingüísticos dos que sentir saudade porque abandona o galego

 

Ningunha das novas estrelas que exportamos ao Fleet Street manchego ten por referente a Cela. Seica a súa prosa morreu canda o personaxe. Todos respiran por Umbral, aínda que citen a Pla e Camba. Hai que enterrar o pai e levar o avó ao baile.
     A culpa é de Cela por actuar ata no baño. Armaba un escenario en calquera ámbito, sabía cando calzarse as zapatillas da intimidade e cando debía poñer alpargata ou zapato castellano. Dionisio Gamallo era incapaz de actuar. Calzábase con naturalidade. Ventoso confesa que recibiu unha refolada desabrida por unha pregunta que lle fixo nunha rolda de prensa na Coruña. Aos poucos anos —xa co Nobel outorgándolle inmortalidade caduca—, entrevistouno na casa, en soidade. «Hablé con un anciano educadísimo, diría que algo tímido», constata. Outro amigo xornalista contoume que Cela o recibiu en albornoz. Ao rematar, convidouno a cear «porque no me preguntó tonterías».

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 534
Publicité