Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
5 janvier 2015

BUSCAR O AMOR NA PARAFARMACIA

ransit workers form a quintet of carolers on a train in Grand Central Terminal, 1956

NAPOLEÓN ERA galego, ou cando menos naceu aleitado por un espírito galego. Max Gallo conta no voluminoso Napoleón (Planeta) a chegada de Buonaparte con dez anos á Escola Real Militar de Brienne. A cada infante asignábanlle unha parceliña de terra para que cultivase e coñecese a vida labrega, nese neorruralismo o que afectou á burguesía urbana de París tras facer a Revolución. Os compañeiros sementaron. Napoleón tamén, pero antes chantou paos arredor da súa chousa para protexela. 

    Espanta ler a Thomas Bernhard en En busca de la verdad (Alianza, 2014) escribindo en 1966 sobre a súa Austria. «Seremos absorbidos por unha Europa que quizais non xurda ata outro século e non seremos nada. Non nos converteremos en nada da noite á mañá, pero un día non seremos nada. Unha nada cartográfica, unha nada política. Unha nada na cultura e na arte. Abride os ollos e veredes que a escuridade total é unha cuestión de milésimas de segundo na Historia enteira». Medio século máis tarde Galicia está cumprindo a profecía austríaca de Bernhard.
     Temos que agradecerllo a esta apatía tan nosa que nos fixo acomodarnos no franquismo como nos acomodamos na democracia, coma se fosen estados de organización política homologables. A indolencia fai aceptar unha situación e outra distinta coa mesma pracidez.

 

Galicia é para darlle de comer aparte. Non hai discurso             ascendente que non choque con valados. Tocoulle á proposta de Guadi Galego


Aínda queda no país algunha conciencia que aluma na escuridade total. Avanza inspirada, talvez, pola lucidez de Rimbaud. O poeta ía nun navío en 1876 cando o barco pasou perto da illa de Santa Helena, o hospital emocional no que Napoleón —o criminal máis civilizado da Historia— curara a soberbia. Rimbaud pediu ao capitán que achegase o barco á illa para camiñar sobre os pasos de Bonaparte (antes, Buonaparte). O patrón negouse. O escritor lanzouse a auga e botouse a nadar. Houberon de arriar un chalano para volvelo ao barco e ao sentidiño.
    Arthur Rimbaud —que nacera baixo a ampulosidade ridícula de Napoleón III— aínda foi cegado por outro lampexo. Enviou versos ao único escritor que admiraba. «Veña, gran amado», contestou Paul Verlaine. Rimbaud fantasiara cunha figura rodeada por un aura de fume de tabaco que se paseaba polos salóns parisinos e atopou un rapaz cotroso de 17 anos.
     Verlaine experimentou o proceso inverso, entusiasmouse con Rimbaud «a única riqueza do mundo, a maiores de Xesús Cristo». Aínda que Bernhard rebaixa esa euforia supoñendo que Paul «amaba a forza poética do seu "irmán" e o rostro marabillosamente claro de Arthur, máis nada».
Pode que leve razón, pero algo de ardor emocional habería entre aqueles dous amantes que percorreron Europa sen documentos e asolagados pola felicidade do seu presente. Tanto era o ardor que Verlaine acabou disparando tres veces contra a man de Rimbaud no Café du Rat Mort de Bruxelas. Acertou unha bala, no pulso.
     Aquela violencia respondía a unha paixón enfermiza; pero un dispara sobre o que ama, coma fai Bernhard sobre Austria. Eu vou disparar —coa pólvora mollada da prosa— sobre uns artistas que me alcanzan: Ataque Escampe. Os seus discos Noites de agosto (2012) e, sobre todo, Os violentos anos dez (2011) foron revelacións coma a que arrastrou a Rimbaud ao mar de Santa Helena.
    Editan agora Disco vermello. Escoito esa colección de tempos decaídos con monotonía e desencanto, incapaz de diferenzar un corte doutro. Como resulta evidente non vou deixar de confiar no seu talento musical, e moito menos, na complexidade irónica e culta das súas letras.

 

   Helena Miguélez levanta un valado contra a letra de Matriarcas  e, sobre todo, contra a imaxe da cantante aleitando a un meniño


No novo de Ataque Escampe chámame que escriban en primeira persoa de singular feminino. Entendo que responde ao discurso feminista, que está tan vivo en Galicia que mesmo reina sobre os tradicionais debates nacionalistas, ecolóxicos e económicos.
     En internet, que é o papel máis barato, atópanse ducias de ensaios, artigos e foros sobre os modelos de comportamento da muller na sociedade. Todos eles xiran arredor de si mesmos en lugares pechados e de participantes contados como se fosen o valado do pequeno Buonaparte.
Inesperadamente, unha letra de Guadi Galego logrou deitar o pechado e achegarlle a luz do amor que gozaron Rimbaud e Verlaine. O tema Matriarcas do disco Lúas de outubro e agosto —a miña Santa Helena sandadora neste mes—, ampliou o campo de discusión do feminismo en función dos versos que escribiu a autora e en función dun videoclip, precioso, no que Guadi aleita a un meniño con toda a súa querenza.
     Nada semella inocente, aínda sendo. Helena Miguélez ergue un valado contra a letra de Matriarcas e, sobre todo, contra a cantante dando o peito. Percibe a profesora da Universidade de Bangor que esa actitude contraprograma «a consolidación dos feminismos combativos (...), que chamaban a atención cara a aquelas imaxes da maternidade promovidas para encurralar as mulleres (...) onde a casa e a reprodución son os espazos naturais para a realización feminina». Se un galego cultiva nunha leira, o veciño logo lle sinala os marcos cun peche.
     Galicia segue «un paso adiante e outro atrás», como a indecisa Penélope de Díaz Castro. O país recórdame a Sarah La Louchette (Sarah A Birolla), a prostituta do Barrio do Latín que incendiaba o corazón de Baudelaire. O poeta asumía que era fea escribindo que «a súa beleza soamente florece no meu triste corazón». Ben, todo o que nos resta como colectivo é imitar aos Ataque Escampe e buscar «amor na parafarmacia» para que Galicia floreza, cando menos nos nosos tristes corazóns.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité