police

A primeira vez que me cadrou atravesar un control de estrada da Garda Civil canda a miña muller foi na Terra Chá, ese ambito no que Galicia semella unha Castela bonita, verde e amable de vida. Cando o rapaz de verde me devolveu o carnet de conducir reemprendín a marcha. A miña muller estranouse: "Por que tardou todo este tempo?" Non fora tanto tempo. "Cando me paran sempre tardan todo este tempo". Cando len na documentación que nacín en Bilbao e me apelido Jaureguizar chaman pola radio. Entendo que non se acordan nese xusto momento de felicitar o aniversario ao sarxento, pero, se é iso, súmome dende este cabaret. Imaxino que, de ser eu un terrorista camuflado, levaría un carnet que xurase que nacín en Cospeito e meu apelido é Gómez. A maiores, é improbable que me dirixise aos axentes en galego. Pero as forzas e corpos de seguridade do Estado teñen unha lóxica moi de seu. Son sospeitoso en canto a vasco, como outros tres millóns de persoas. A seguridade dos españois estaba por riba da miña dignidade. Agora que os encarapuchados vascos pararon por colapso; agora que non se mata encarnando toda unha patria, pero si en nome de toda unha relixión, serán os Mohamed e os Yusuf quen deban aguantar "todo o tempo". A seguridade dos europeos dará dereito a grandes restas na liberdade e na estima dos colectivos de árabes inocentes que viven onda nós.