Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
20 janvier 2015

CORVOS DEBICAN SAL NA NEVE

pegadas

A neve nada ten de especial. Nada ten de especial se viviches sempre no interior do país, pero o meu país era un país de costa e en Ribadeo nunca nevaba. O meu pai levounos un día no 124 marrón a coñecer a neve ata Os Oscos (non vou citar a García Márquez, tranquilos; paréceme infantil e ridículo). Ás veces nevaba en Ribadeo; cunha regularidade semellante á das chuvia no deserto. O meu pai andou traballando durante un ano no Sahara buscando gas para unha compañia británica e foi un ano tan seco que, irritado, tivo que facer unha viaxe urxente a Galicia para sentir as pingas esvarándolle pola cara. Na miña vila cada nevada era un fenómeno excepcional e festivo que nos permitía imitar esceas de Que belo é vivir! Así que me da confianza escoitar o refrán español Año de nieves, año de bienes por moito que saiba que se refire a unha economía labrega que nada ten que ver comigo. Cando naceu Sara, hai este mes trece anos, nevaba e as folerpas parecéronme unha promesa de que podía confiar no seu futuro sólido e brillante como persoa. Ao empezar a traballar no Progreso, empecei a percorrer Os Ancares e O Courel. Sorprendíame que estaricasen sal nas estradas; sal gordo, dese que botabamos nós no pulpo. Pero aínda máis a instantaneidade e o coidado co que os corvos van debicando nos grans. Hoxe empezou o xuízo contra un home que levou o Códice Calixtino. Non vou poñer o nome porque o levou el como podería levalo outro, ou un incendio bravo ou un corvo anónimo. Esa era a seguridade coa que se custodiaba un documento tan importante. O home levou máis papel ca o do libro: 2,5 millóns de euros que, ao contrario ca o Códice, estaban protexidos por unha caixa forte. Non dubido de que estaban destinados a obras de caridade ou a melloras na catedral; tampouco dubido do correcto da súa orixe, malia que a descoñeza. A maiores, a Audiencia Nacional anunciou que vai xulgar á Banda dos Catro porque foron debicando nuns salarios das caixas que non lles correspondían. José Luis Méndez excusa de viaxar a Madrid porque acertou a levantar o voo en canto albiscou a sombra da decencia.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité