Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
2 février 2015

O PAIS QUE SE QUENTOU NUNHA MESA DE BRASEIRO

Csaba Bajko

HAI UNHA ESCENA da novela Ravelstein (Teorema) de Saul Bellow que comeza nun apartamento de Nova York tan cativo coma luxoso. Na sala de estar o profesor de Filosofía Ravelstein (trasunto de Allan Bloom) e varios dos alumnos seus que máis brillan miran un partido de baloncesto. Michael Jordan executa saltos dunha altura e unha lonxitude que soamente lograra Nureyev para atravesar o escenario do Bolshoi. Allan Bloom comenta fascinado a estatura do mito do baloncesto porque «os nenos recollen mesmo restos das mazás nas que trabou». Bloom, como experto en Platón, ama os heroes. Supoño que, no canto do baloncestista norteamericano, o profesor miraba no televisor o filósofo estoico Posidonio, O Atleta. Estaba fascinado admirando as evolucións de Jordan cando soou o teléfono. O aparello atopábase nunha habitación contigua. Máis ca un teléfono, era unha centraliña. Descolga. Fala con disimulo e preocupación. Cando regresa á sala, silencia o televisor e anuncia: «Collin Powell e Baker aconsellaron ao presidente non ir coas tropas ata Bagdag. Temen que haxa baixas. Bush vaino anunciar mañá». O gorxa fonda de Bloom era un deses mozos que el formara en Yale ao longo de trinta anos. O profesor ocupábase de que os máis lúcidos fosen acollidos nas inmediacións ou nas dependencias da Casa Branca. Uns levaban os outros. Ningún esqueceu ao seu mestre e chamábano continuamente para consultar e informar. Allan Bloom aplicou a teoría, inspirada por Platón, de que o mundo pode gobernarse dende un centraliña telefónica. Abonda con ter ideas e transmitirllas ás persoas que teñen a capacidade de tomar decisións.
     A imposibilidade platónica de coñecer a realidade ás veces ten faciana de incompetencia. Slavoj Zizek cita no ensaio Acontecimiento (Sexto Piso Editorial) o desconcerto de Donald Rumsfeld, secretario de Defensa con George Bush, cando tratou de xustificar o ataque a Iraq. «Está o coñecido coñecido: hai cousas que sabemos que sabemos. Está o descoñecido coñecido: hai cousas que sabemos que non sabemos. Pero tamén está o descoñecido descoñecido: hai cousas que non sabemos que non sabemos». É un discurso propio do sofista Epiménides, a quen se lle atribúe ter botado 57 anos durmindo; aínda que Plutarco, máis preciso, deixa a cifra en 50 anos.
     Os intereses personais de Allan Bloom eran iguais aos que tivo no seu momento José María Armero, que foi presidente da axencia de noticias Europa Press e artífice da legalización PCE tras citar a Adolfo Suárez e Santiago Carrillo na súa finca de Pozuelo de Alarcón. Manuel Vázquez Montalbán explicou o personaxe con toda a súa variedade de matices en Mis almuerzos con gente inquietante (Público). «Tenía una gran ambición de influír, no de poder», escribe o xornalista antes de escoitar ao propio Armero recoñecendo que «he tenido un papel de relacionador, de relacionar hechos y personas, en muchas y muy diversas ocasiones. Ha sido porque inspiraba confianza a las gentes que querían el poder, el verdadero poder. En mí nunca han encontrado un competidor».
    Descendendo dende o plano internacional de Allan Bloom, dende o plano español de Armero, podemos chegar a un terceiro sosías: Ramón Piñeiro. Xesús Alonso Montero, o presidente da Galega, anunciou que a Academia lle renderá unha homenaxe co gallo do seu nacemento, o 31 de maio de 1915. A iniciativa é unha mostra máis de que a RAG escribe o calendario cultural deste país a base de cabodanos. Pese a esta crítica, considero importante que se recoñeza e se divulgue a figura de Ramón Piñeiro, tan deostada polos maximalistas con présas. Mesmo eles deberían recoñecer que a autonomía política da que goza Galicia non sería a mesma sen a mesa de braseiro que o intelectual de Láncara tiña na súa casa de Santiago.Piñeiro asistiu dende a súa cadeira ao desfile da clandestinidade, a Transición, a Aldraxe e ao sopro galeguista que corre por todas as sedes políticas da comunidade, aínda que a mín me gustaría que esa brisa fose máis forte nas conservadoras e socialistas galegos con sede en Madrid. A escritora Marina Mayoral deixou escrita a súa impresión de que Piñeiro «escoitaba moito máis que falaba, desde logo, non adoutrinaba xamais. Contestaba ás preguntas, daba a súa opinión ao que lle requerían, pero con gran frecuencia limitábase a escoitar. E penso que era a súa maneira de escoitar, con interese, con curiosidade, nunca con impaciencia, o que atraía á xente á súa casa». Non o coñecín, pero estou certo de que tiña un aura de taumaturgo. Seica aproveitou a conformación das institucións democráticas e automómicas para ir situando os seus peóns. Cada un deles era un informante fiel que regresaba á mesa de braseiro sobre a que Piñeiro ía colocando as pezas da maqueta que representaba Galicia. Atendía ao principio platónico de que deben gobernar os posuidores da verdade e á práctica, que se pode deducir, de que influír pode ser tan importante como decidir. A maiores, influír permite exercitar o poder con discreción dende o fondo do escenario. A influencia que desenvolveu Piñeiro foi fundamentalmente política, polo que entendo que ese debería ser ese o ámbito que impulsase as principais e máis amplas actividades de lembranza da súa figura. Non soamente por ese predicamento no debuxo da estrutura de autogoberno no seu tempo, senón porque o piñeirismo mantén a inercia. Aínda determina a filosofía de actuación nalgúns dos nosos dirixentes da Xunta, como supoño que comprobaremos o mes que vén, cando haxa cambios en San Caetano por mor da proclamación de candidatos do Partido Popular ás eleccións municipais.

Photo:Csaba Bajko

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité