PARISIEN

A neve é o papel secante dos nosos días. Cando calla forma unha capa que absorbe as pegadas dos nosos zapatos, facendo moldes dos noso camiñar. A neve fainos de rexistro de obxectos perdidos: das horas e das tensións e das alegrías que imos deixando atrás a cada momento. Kafka tiña unha intuición aguzada sobre os seres humanos. Plasmouna na súa literatura, coma no conto As árbores. Nel, compara as persoas con árbores cubertas parcialmente pola neve. Semella que poderían ser desprazadas mesmo por un empurrón desganado, pero «están firmemente unidas á terra». Coidado, tamén isto é pura apariencia». O premio Nobel Orhan Pamuk baseouse no K. de Kafka para o seu Ka da novela Neve. Ka é un poeta que, tras doce anos exiliado en Alemaña, regresa á cidade turca de Kars. Ka avanza entre kar (neve, en turco) para tratar de explicar os suicidios de rapazas de Kars ás que se lle prohíbe camuflarse espiritualmente cun veo para asistir ao instituto. A neve actúa nesa obra como rexistro porque acaba aillando Kars e delimitando un sufocante ámbito de loita ideolóxica entre islamistas, militares laicos, nacionalistas turcos e comunistas. Pero a neve forma un valado pouco firme. Advertiuno Kafka no seu relato. Unha mañá sae o sol enfermizo do inverno e derrite as pegadas humanas ata volvelas irrecoñecibles.