Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
21 février 2015

FRANCO BUSCA LENCERÍA EN LONDRES

 

gulbransson12-big

 

A actriz Nerea Barros aseguraba nunha entrevista do ano pasado que non lembraba «unha experiencia máis forte que facer de Virxe María en EXB». Dende o pasado domingo xa coñece outro experiencia máis intensa: gañar un Goya polo seu papel na película La isla mínima.
A intérprete compostelá debe de ter unha inclinación conxénita ao arroubo. «Puxemos o Goya na mesa de noite e miraba para nós», comentaba na mañá posterior coa candidez virxinal dunha mañá de lúa de mel. Seica cultiva ese rito tan galego de poñer obxectos que fornezan enerxía espiritual na mesa de noite. Dubido da súa eficacia. Franco pernoctou corenta anos coa man esquerda de Santa Teresa enguantada en prata e diamantes ao seu carón. A reliquia non espertou a bonhomía que debía dentro dun corazón acerado pola academia militar post perda de Cuba.
Valle Inclán non era menos galego nin menos supersticioso, aínda que todo o que sentía pola súa man esquerda era nostalxia. A morriñá pola extremidade comezoulle a noite na que o xornalista Manuel Bueno lle esmagou a man co bastón no Café Madrid nun dó de honra sen pólvora nin magnolias. O dramaturgo non se someteu ao morbo franquista de conservar o brazo na mesa de noite. Na súa buhardilla de Argüelles, ese moble non era máis ca unha caixa de cartón. Baroja escribiu que o dormitorio do compostelán tiña «una cama en el suelo, sobre la que había una pared con tres o cuatro clavos, en donde colgaba todas sus ropas».
Naquel exilio madrileño do confort que Valle Inclán atopaba no café Derby de Santiago flotaba o espírito sentido de Goya, a ollada furiosa que tanto impresionou a Nerea Barros. «El espertentismo lo ha inventado Goya», confiesa Max Estrella en Luces de bohemia nunha homenaxe explícita.
Valle Inclán tamén cedeu ao espertentismo apostando todo o seu prestixio intelectual ao empeño de avaliar a Argamasilla. O beneficiario era un rapaz tocado co toisón dourado da nobreza que afirmaba posuír unha visión de raios x. Unha comisión promovida en 1923 pola raíña María Cristina e formada por oculistas, neurólogos, psiquiatras e físicos —baixo a presidencia de Ramón y Cajal— non opuso criterio científico algún. Con ese respaldo, Argamasilla marchou de xira a Estados Unidos, onde foi espido racionalmente polo mesmísimo Houdini, segundo contan en Valle Inclán y el insólito caso del hombre con rayos X en los ojos (La Felguera).
Desmontar a un mito nada ten de sinxelo. O estudoso da caricatura Siro López conferenciou o martes en Lugo sobre as «influencias estranxeiras na obra de Castelao». O tamén humorista gráfico citou o debuxo de Gulbransson (1873-1956) —que reinou en Europea dende a revista alemá Simplicissimus— e as frases do galo Forain para indicar os dous moldes que usaba Castelao nos seus chistes ilustrados. Siro López veu desvelar que o artista rianxeiro foi o torto no país dos cegos, que deu realizada unha obra sospeitosamente singular nun tempo en que coñecer publicacións europeas era difícil.
Pero a exposición de Siro López non se detivo na cuestión estética. Deitou tamén a orixinalidade teórica de Castelao ao indicar que «a segunda e a terceira parte da súa conferencia Humor, humor gráfico e literatura están tomadas de ensaios do crítico cubano Gómez Barros».
Malia expoñer os modelos do seu admirado Castelao, Siro López incidiu no talento universal de Castelao. Eu sospeito que, máis que convecemento, o caricaturista ferrolán temeu tirar da espita da bomba que suporía ser preciso usando o termo plaxio. A incorrutibilidade da man de Santa Teresa e a orixinalidade de Castelao son dúas cuestións que acordamos en situar fóra do entendemento humano.
Estou certo de que Siro López non se atreveu a confesar que Castelao sería un peso medio se Galicia fose un país normalizado e non unha minipotencia necesitada de modelos a enxalzar.
Tamén é certo que un país normal tería perdoado a Augusto Assía o groseiro cinismo co que foi cambiando de trincheira segundo mudaban os acontecimientos históricos que acertou a vivir de cerca.
Libros del Asteroide vén de facer unha edición conxunta de Cuando yunque, yunque e Cuando martillo, martillo. O volume reúne crónicas escritas dende o Londres acosado pola Alemaña nazi entre decembro de 1939 e maio de 1945 para o xornal La Vanguardia de Barcelona.
O máis destacable do libro é o esforzo que amosa Ignacio Peyró no prólogo para dar explicado as múltiples e dispares manifestacións ideolóxicas do xornalista de A Mezquita. «En la década de los treinta, el pensamiento de Assía iba a conocer bandazos radicales, de un galleguismo en los postulados del Grupo Nós a la militancia comunista, para en última instancia insertarse en la propaganda del Movimiento», escribe Peyró resumindo o caótico baile político do personaxe.
A conclusión que se tira das súas crónicas é que Augusto Assía admiraba de modo entregado a democracia liberal británica baseada na «tendencia a la argumentación de los ingleses» e no seu intocable «derecho a disentir», mesmo nos momentos máis dramáticos da súa guerra contra os nazis.
Peyró expón os principios que levaron a Assía a ter «la mala idea y el cuajo moral de enfrentarse a Goebbels y convertirse en uno de los happy few rechazados por el Reich» como corresponsal en Berlín; que o levaron a negarse a xurar «fidelidad íntegra y total a los principios nacional-sindicalistas, lo que lo dejó sin carné de prensa y sin la dirección de La Vanguardia», ou que o levaron a escribir crónicas para «expandir el engaño, según las directrices de Garbo», que facilitaron o Desembarco de Normandía. Pero o prologuista non logra comprender que esas posturas éticas fosen compatibles con «volver a España para encargarse de la prensa del Gobierno de Burgos, mano a mano con un Juan Pujol que iba a alterar el curso de la Guerra Mundial como Garbo».
Assía buscaba a expiación contando o día no que fixera de anfitrión en Londres para un xeneral Franco enviado pola República. «Franco non paraba de fixarse nas tendas de lencería. Ao cabo, pregunteille se quería comprar algo. "Sí, sí; algo para Carmencita". Como non había de colaborar con el se compraramos xuntos as bragas da súa señora?".

Cartoon: Gulbransson 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité