Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
14 mars 2015

AS CONFERENCIAS INÚTILES SOBRE AS CONFERENCIAS INÚTILES

Norman-Mailer-Ginsberg-Burroughs-1983

NON DABA CRÉDITO cando o lin. Pensei que era unha broma dos de Tempos Galegos iso do ciclo de debates Cara a onde. A tranformación cultural desde a literatura, que desenvolve no CGAC. A relacién entre o investido en cultura e o rendimento eu encargaría analizala a algún experto en economía, e non exactamente a Suso de Toro, Bernardo Atxaga, Carmen Riera ou Bradley Epps. É dicir non partiría «dende a literatura» para estudar o rendemento dun gasto. O propio subtítulo leva o adverbio dende, que se pode usar para un lugar de procedencia o para un tempo pasado. Como a literatura non é un espazo, entendo que se refire á que a literatura xa rematou e que o ciclo vai analizala. Preguntareillo ao coordenador, o escritor Alfredo Conde, cando nos cadre vernos nunha primeira comuñón ou nun funeral.

Pode ser a literatura estea morta e non me decatasen. Ao cabo, Julian Barnes lamentábase en Santiago de que a literatura en tanto que letra impresa morrera en Gran Bretaña. Acodeu á capital de Galicia tras sacudirse cinco anos de tristeza polo pasamento da súa muller e tres de preguiza para recoller o Premio Arcebispo San Clemente. Concedéronllo estudantes galegos pola novela Arthur & George que tan britanicamente traduciu Xesús Fraga para Rinoceronte.

No lugar onde se concedía o galardón, o instituto Rosalía de Castro de Santiago, había unha exposición con libros de autores que gañaran o premio, que é o galardón máis bonito e fiable dos que se organizan na orbe occidental. Mentres  percorría a mostra, Barnes foi reflexionando que «en Inglaterra non sería posible porque non hai tanta reverencia pola literatura como se observa en Europa». Engadiu que «os ingleses están máis na liña americana: o relacionado coa literatura empeza a ter que ver só con internet, e con seccións cativas».
A reverencia europea pola literatura podemos concretala na reverencia galega pola literatura. Cansei de ler louvanzas a boca chea de escritores sobre a excelencias dos nosos autores. Alfredo Conde aínda o subliñaba na presentación do ciclo cando aseguraba que temos que formularnos se a literatura galega «ten a proxección internacional que cabería esperar» ante a calidade dos seus autores e artistas. A resposta afirmativa parece obvia, pero o exconselleiro de Cultura tripartita deu en artellar un programa de catro conferencias para que tres escritores e un profesor de literatura analicen «as cousas que se fixeron mal» en relación aos montes e moreas de cartos que botaron ao glorioso bandullo colectivo da cultura galega porque, detecta Conde, «puido haber certos desaxustes".

Como o escritor alaricano fixo un desvío na súa carreira para administrar o erario público, ao que leva ligado en maior ou menor medida dende entón, coidouse de poñer un cordón de asepsia aos responsables das directrices culturais de carácter público. Alfredo Conde asegurou que "é doado botar a responsabilidade aos políticos ou a falta de cartos". Nunha cultura que pende da caixa forte colectiva, como é a galega, algo -para ben ou para mal- terán que ver o seus xestores e algo terá que ver -para mal- a falta de fondos.

Para que non debamos agardar ata o remate do ciclo, o 20 de xuño, o exresponsable de Cultura adiantounos a conclusión á que van chegar os seus convidados. Na súa opinión, "é evidente que non se consolidou unha industria editorial forte, senón que se nutriu máis de subvencións que doutra cousas". Acabáramos. Montar este ciclo de conferencias responde ao que chamaba Paul Valéry l'sprit de l'ecalier, o espírito da escaleira. É dicir, a todas aquelas respostas contumaces e victoriosas que se che ocorren cando o interlocutor co que discutías xa saíu da túa casa e vai escaleiras abaixo. Alfredo Conde leva un par de décadas explicando a cada recién coñecido e a cada lector de prensa o delicto de grosa humanidade que este país cometeu con el. Pero para isto non precisabamos que nos gastase diñeiro dos nosos impostos nun ciclo non que legos en economía e en promoción cultural non expliquen o mal que gastaron os cartos dos nosos impostos os conselleiros anteriores e posteriores a el. Galicia acaba de inventar o congreso sofista, un congreso que require para o seu desenvolvemento o mesmo que vai criticar.

O sector teatral, entre mentres, vive a debacle, co 50% de menos de espectadores. O feito non é directamente atribuíble aos xestores públicos, senón máis ben directamente revelador de que o público galego admira ducias de actores galegos sempre e cando llelos presenten en series de televisión no canto de acudir ás salas. Tampouco vou esixir que, co temporal que nos varreu as ilusións neste lustro, os espectadores se sometesen ao diezmo do 21% de IVE cultural co que o goberno do compostelán Mariano Rajoy explicou ao sector da escena o que pensa das escenas que lle montaban en cada entrega de premios do sector. O resultado é que os nosos intérpretes emigran -e triunfan- porque non teñen espectadores senón telespectadores.

Alfredo Conde non andará molesto co investimento en teatro destes anos, que foron fabas contadas e sen chourizo nin touciño. Aínda asi, serva de suxestión, sempre se poden facer actividades culturais máis que baratas. Culturlab organizou ao longo do mes pasado o congreso As conversas na facultade de Humanidades de Lugo. Xa se sabe que o falar non ten cancelas; sobre todo porque non ten propiedades que gardar. Debatiuse, logo, a conversa como medio de coñecemento e aprendizaxe.

Ninguén deu máis valor á arte de conversar que Joe Gould, un esmoleiro do Manhattan dos anos 40 estudado en Harvard ao que Joseph Mitchell dedicou El secreto de Joe Gould (Anagrama). O bohemio dedicou máis dun cuarto de século a recoller conversas que escoitaba na rúa ou nos bares para compoñer a Historia oral de noso tiempo, unha especie de enciclopedia que en 1942 era "máis longa ca Biblia". O contido era, basicamente, traballos, esmorgas, amores, amaños, apuros e penas". Joe Gould inspirouse na afirmación do poeta irlandés William Butler Yeats de que "a Historia dunha nación non está nos parlamentos nin nos campos de batalla, senón no que as xente se din nos días de festa e de traballo, e en como cultivan, pelexan ou van en peregrinación". Permítanme Conde e o seu equipo de expertos en hiperbatóns e calambures que lle suxira organizar un congreso de conversa. Sería certamente barato porque o falar non ten cancelas.

Aínda máis barato resultar buscar libros inéditos de Álvaro Cunqueiro. Un grupo de estudantes e mestres do Ies San Rosendo percorreu a cidade tras as sinais incertas do libro A flora e a fauna nos lousados de Mondoñedo que o marabilloso impostor aseguraba ter escrito. Para min que ese volume podería situarse xunto co Ceniza en la manga de un viejo, un volume de memorias que anunciou ter "casi acabado" nunha entrevista cconcedida en TVE en 1978. Podería publicarse unha colección, a Biblioteca do Sochantre, cos libros que Cunqueiro aseguraba ter escrito e dos que nunca se soubo. Non precisaría de subvencións.

Photo: Norman Mailer, Alain Gingsberg and William Burroughs

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 574
Publicité