O Museo Nacional de Tokio acolle a mostra Androide, que é humano?, na que amosa de xeito incontestable o estado de primitivismo no que estamos en relación aos robots antropoformes. A compañía europea presentou o robot Aldebaran, deseñado para vivir con persoas. Unha das funcións que se lle concedeu polo de agora é vender cápsulas de café nun centro comercial. O café é o único elemento de humanidade que acho nese ser e na súa programación. O enxeñeiro que o creou, Bruno Maisonnier, pretende superar as normas de conduta que Isaac Asimov determinou para os androides no conto Círculo vicioso. Propuxo regras de seu: "Os robots deben ser bonitos, capaces de realizar movementos similares aos nosos e ser amables e educados". A roboética está aínda nun estado embrionario en tanto que debe medrar en dependencia da robótica, pero cantos de nós somos guapos, áxiles e corteses? As directrices de Maisonnier, de seguirse, darían uns robots que se asemellerían a unha porción cativa da poboación mundial. A maiores, a nosa envexa non aturaría convivir cuns humanoides estetica e moralmente impecables, cuns individuos cunhas características físicas e psíquicas superiores ás nosas. Aturaríamos que nunca tivesen unha dor de cabeza, ou, a máis a máis, unha depresión? Non acabaríamos envolvendo aos nosos robots nalgunha das nosas trampas para obrigalos a apagarse definitivamente, a aplicárense a eutanasia?