Herbert List

Anxo Lugilde sorprendeuse hai un par de días cando lle comentei que Orozco  podería encabezar a lista máis votada en Lugo. Orozco, si; o imputado que vai quitando de enriba aos poucos, sentenza a sentenza, as sospeitas. Se non fose un señor tan aparente compararíao co chícharo que soporta o peso dos colchóns sobre os que durme a princesa. Orozco, 16 anos como alcalde, con obras acertadas e devocións persoais ruinosas, é un rexedor que respira a cidade, por moito que se lle engole a voz cando fala dela. Enfronte ten a Castiñeiras, aspirante polo PP, que non foi alcalde por escasa marxe hai catro anos, cando non figurar baixo as siglas PSOE multiplicaba os pans e os peixes electorais. Agora acertou ao borrar as siglas do PP da súa campaña con eficacia estalinista, pero enganouse ao agochar a súa biografía, tan vendible electoralmente -traballar para pagar a carreira debe parecerlle de pobres-. Sendo un home guapo, correcto e elegante, amosou hai uns días en internet unha foto cun can de palacio real que me empuxou a buscar a marca de cápsulas de café que anunciaba. Por moitos encontros con veciños a camisa remangada e co cu apoiado lixeiramente nas mesas dos bares que promova agora, Lugo critícalle que vive no Hórreo e para O Hórreo, que Santiago é o seu alfa e o seu omega por se,como intúe, volve saírlle cruz.  Xa ía costa abaixo por culpa da indignante falta de servizos no HULA cando veu Rocío Mosquera a darlle un empuxon co seu cálculo de dar a entender aos lucenses que recen "Virgencita, Virgencita que me quede como estoy". O peor sobre o sobrados que andamos hospitalariamente ten o agravante de que era unha exposición innecesaria, unha sinceridade estúpida.

O resto dos candidatos sae para perder tempo nos últimos minutos antes do final. Izquierda Unida, con o sempiterno Carlos Portomeñe, pretendente con aire de Larra e incapaz de comprender que o camiño á Praza de España pasa polos bares da Milagrosa, disfrazouse desta volta de Alternativa Cidadá de Esquerda. O Bloque presenta un aparecido, do que soamente sei que se apelida Arroxo e que ten unha traxectoria profesional asubiada por parte da militancia. Deixo para o final a candidatura de Lugo Novo. Había moitos electores coa papeleta desenfudada agardando por Bernardino, o eficaz exBNG; pero comparece Rocha. A este home afable coñézoo de que se me presentou na cola do Gadis para explicarme que recibira clase o meu pai, un comentario que sempre me amolece o corazón. Tamén hai un señor que destaca a súa limpeza, algo que non comprendo porque suponse que non é Patrocles, o poeta cego e xordo que di Aristófanes en Dinero (Alianza) que nunca se lavara dende o nacemento. O candidato procede do PP e ao PP volverá cando cambie a cúpula local. Creo que me quedan Ciudadanos, que reparten uns globos laranxas moi festa de insituto norteamericano.

A desputa a considerar será entre Orozco e Castiñeira, pero o socialista debe contar con porcións das outras candidaturas para armar o mecano da alcaldía. É probable que Orozco sexa a única opción para suceder a Orozco, pero van pedirlle que prescinda de Orozco para apoialo na investidura. Como o sabe, escribiu o nome de Santín por baixo do seu no listado de aspirantes. Pero Santín non é Orozco, o vello sabio non lle aprendeu a dilatar o tempo rixido dun alcalde, non lle aprendeu -por algo é vello e sabio- a debuxar no aire de Lugo a árbore xeneolóxico-sanitaria de cada veciño.

Photo: Herber List