PUNTO FINAL
Voo e revoo sobre a entrevista que Ignacio Echevarría a Rafael Sánchez Ferlosio en El Cultural. Ferlosio ten un novo libro, Campo de retamas (Penguin Random House Mondadori). Mentres voaba e revoaba sobre a relación de preguntas ben traballadas e as respostas sabias fun facendo anotamentos na Moleskine. Veño de revoar sobre elas para lerlle ao entrevistado burlas estúpidas como que "as columnas de prensa son caixas baleiras" e certezas fascinantes como que "os textos dunha soa frase son fraudes de profundidade". Estou de acordo. Raramente atopamos un pensamento de calado nunha soa frase. A seguir, Ferlosio reforza o seu aserto elevándoo a categoría: "Cando se lle pon o punto final a unha frase deixa de ser verdade". Ao lelo, pensei no errado que estaba. Non se perde a verdade dunha oración por ser un universo pechado; ao contrario, pode gañar en verdade se se matiza, pero o hermetismo que lle impón o punto final non o desminte, non o anula. Simplemente nega posibles matices que poderían revelar a verdade que conteñen esas palabras conectadas entre si e limitadas por ese signo. Tras escribir ese argumento no meu caderno, descubro que Sánchez Ferlosio recorre a un argumento xemelgo para desenvolver a súa concepción, oposta á miña: "Mentres a frase está aberta, caben nela posibilidades de coñecemento, que se pechan cando se lle pon o punto final".