Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
27 avril 2015

A MIÑA FANTASMAGORÍA ERÓTICA CON FRANCO

Robert Doisneau Ancien combattant, Café de l'Ourcq, de 1953

NUNCA LOGREI representarme a sexualidade de Franco. O domingo pasado fixen un esforzo intenso. Sentei nunha butaca que a miña muller me instalou no curruncho máis distraído do salón. Coloquei un biombo inspirado na Bauhaus e cubrín o conxunto cunha tea negra na busca dunha escuridade absoluta. Sentei, respirei calmosamente e esforceime en imaxinar o xeneral de todos os exércitos no recollemento concupiscente do seu dormitorio. Logo me decatei de que prefería a sexualidade suxerida e intelixente de Lois Pereiro a unha fantasmagoría marcial con Franco. "O sol está a arder nas nosas almas/ Canta o desexo", escribiu o monfortino. Monforte de Lemos tivo a favorable iniciativa de dedicarlle outra volta un ano enteiro e designar co seu nome á casa de cultura. Pereiro foi singular, tanto que mesmo conseguiu, que arredor do seu Día das Letras Galegas aparecesen pintadas cos seus poemas e coa súa cara nas cidades galegas.
Non vin pintada algunha relacionada con Filgueira Valverde, esa fantasma que percorrerá Galicia ata o 17 de maio. Filgueira non ten quen lle escriba. Ou non tiña. Xesús González Gómez lanzaba o desafío hai un mes: "Ninguén quere ser o primeiro en publicar unha biografía de Filgueira". Pero houbo: o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, presentou Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual. Percibo tras o ensaio do profesor teimosía de plantar cara a todos cantos consideramos un erro designalo para as Letras Galegas. Alonso Montero tivo a valentía de non obviar o franquismo de Filgueira. Tratando o asunto, escribe as primeiras liñas doutras biografías. Esas dos estudosos de Filgueira que González Gómez sospeita que agardan un pistoletazo de saída e que eu non vexo por ningures. Non penso iso por falta de interese do personaxe, senón porque ningún investigador vai avalar co seu prestixio a defensa unha causa que merece pouco máis ca un avogado de oficio. Alonso Montero proclamou que o seu traballo de investigación busca combatir "sectarismos e infamias", como esa lenda sobre a negativa de Filgueira a declarar a favor de Alexandre Bóveda. Haberá que tratar de achegarse á verdade todo o que se poida, pero, a falta de ler o ensaio, non lle lin un argumento de peso nas entrevistas de prensa sobre o texto. Afirmar que Filgueira "non foi un alcalde franquista, senón un alcalde no franquismo" supón presentar a un rexedor do Movemento Nacional nesa época de fervedura ideolóxica como se fose un instalador do gas que fixo un traballo na casa consistorial de Pontevedra fáiseme pouco rigoroso.
O presidente da RAG presentanolo coma un quintacolumnista, que "usou o franquismo para facer dende dentro o máximo ben a quen fose e axudar a aqueles que tiñan dificultades". Aínda o xoves reforzou esa hipótese: "Foi capaz de erosionar o réxime franquista dende dentro". Para tragar ese sapo necesitaríamos sentar na escuridade e respirar vagarosamente.Alonso Montero non recorre no seu argumentario a explicar o carácter benemérito nin a loita discreta a prol da democracia do exalcalde, senón a exculpalo por comparación. Válese de mencións a ese esquío acovardado que foi Risco tras o golpe do 36 ou ao elefante amoral de Cunqueiro, que vestiu camisa azul coma parte do seu atrezzo teatral diario.
O investigador Isidro Fernández asegura que Cunqueiro "non era persoa de fiar para o franquismo". Como proba presenta seis folios que descubriu en Mondoñedo. As páxinas conteñen unha peza teatral de contido pastoril. O feito importante é que o atopou no arquivo da Falanxe en Mondoñedo coma unha mostra de que «a casa do escritor foi revisada e moitos documentos requisados, aínda que se adaptara ás circunstancias».
Filgueira Valverde non se adaptou ás circunstancias, mimetizouse con elas ata formar parte das circunstancias que irradiaba Franco dende El Pardo.
A atracción entre monxes e guerreiros, entre intelectuais e gobernantes totalitarios, é vella coma os libros e as espadas. O dramaturgo Fernando Arrabal ten un retrato admirativo de Stalin na casa. «A ningún jefe de Estado le interesó nunca la ciencia, la literatura, la fiolosofía como a él. Eso sí, me habría matado sin problemas», asume.
A pobre humanidade de Franco é un reflexo de penuria sexual. Confeso que, malia a butaca e o biombo, a miña preocupación por ese asunto é nula. O ferrolán foi templario —metade monxe, metade soldado—, polo que o sexo debía de ser para el unha remota lembranza de cando sucedeu o de Carmencita. Se sucedeu.
O método para recrear a sexualidade de Franco naceume de lerlle ao escritor de novela negra James Ellroy que sentaba na escuridade e respiraba calmosamente para imaxinar as súas novelas. Na súa mocidade , confesa en Mis rincones oscuros, axeixaba casas nas que había mulleres para roubarlles roupa interior coa que fantasiar. Pensei que Franco podería ser Ellroy, alguén que se transformara en hermeticamente casto como consecuencia dunha perversión adolescente mal dixerida, pero probablemente o militar ferrolán fose máis ben un ser débil espantado polo sexo.
Ata hai uns días tamén pensaba que Dalí era un Arrabal, outro espantado polo fornicio. O historiador Ian Gibson conta que unha tarde Lorca intentou sodomizalo na praia de Cadaqués, «pero al ser doloroso para el catalán, decidieron contratar los servicios de un prostituta con el pelo corto».
Arrabal conta, co gallo da estrea da súa obra Pingüinas en Madrid, que estaba traballando con «cinco lesbianas revolucionarias y maoístas» nunha montaxe cando o chamou Dalí. O dramaturgo e as cinco actrices foron onda o pintor de Cadaqués. Este, emocionado, propuxo unha orxía espontánea e divertida. Arrabal negouse: «No puedo.Soy casto»
James Ellroy xa non rouba roupa íntima allea, agora senta na escuridade para concebir novelas coma Perfidia, que presentou o pasado xoves na Coruña. Nesa obra, reinvidica os norteamericanos represaliados no seu país na Segunda Guerra Mundial porque os seus antergos eran xaponeses. As circunstancias non lles deron nin sequera oportunidade de adaptarse como a Filgueira Valverde.

Photo: Ancien combattant (Antigo combatente). Café de l'Ourcq (Paris, 1953). Robert Doisneau.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 534
Publicité