smokers

O ESCRITOR Saul Bellow recolle en Todo cuenta a súa chegada a París en 1948. Aluga un apartamento no centro a unha señora. Bellow pregunta que ha facer coa basura. A señora irrítase: «Basura? En París a ninguén se lle ocorre facer semellante pregunta. A basura non é cousa súa. Basura non é unha palabra elegante». Tampouco lle deu un vocablo alternativo.
Spike Lee comentou algunha vez que no seu barrio da infancia, Brooklyn, o lixo tampouco era un asunto primordial. «Nin sequera se recollía todos os días», recoñecía o director nunhas declaracións contra a xentrificación do distrito neoiorquino no que medrou.
Xentrificación é un termo recuperado do Renacemento inglés polos urbanistas dos anos 90. Gentry era a baixa nobreza con aspiracións. Gentryfication refírese ao proceso de instalación de ricos no centro urbano ocupado por obreiros dende xeracións atrás. Spike Lee indignouse ao comprobar que o asentamento de brancos no distrito negro de Brooklyn determinou que «houbese mellores escolas, máis protección policial e a basura se recollese a diario».
Os arquitectos Xerardo Estévez e Manuel Gallego Jorreto debatiron a semana pasada sobre a renovación de Santiago que acometeu o primeiro cando foi alcalde nos anos 80. O diálogo produciuse no ámbito de As cidades imaxinadas, do ciclo Nexos, que se desenvolve na Cidade da Cultura. O pouco que lin da conversa aparece no blog Horchataenvena, de Rubén Reiriz. Agardo que se publicite unha gravación, cando menos.
Xerardo Estévez presumiu de que «a zona vella de Compostela está salvada; pero non hai que caer en iniciativas como o Zara habitual, hoteis con encanto ou apartamentos turísticos. Iso é chuvia miúda». Gallego Jorreto contestoulle ao seu xeito —entre sobrio, retranqueiro e enigmático—: «As chemineas de Santiago xa non botan fume». Engadiu que, se o casco vello segue enchéndose de xente de fóra, Compostela perderá identidade. Jorreto viña denunciar a cara fea da beleza que Estévez logrou para Santiago.
A miseria que padecen os habitantes das zonas antigas galegas e a baixada do prezo dos seus solares son dous factores que alentan o seu aburguesamento. Empezan sendo habitadas por artistas e acaban sendo rehabilitadas para vivendas profesionais liberais e empresarios novos. «Soamente hai pasar a vasoira», valorou Álvaro Siza cando lle engargaron preparar Bonaval para a súa xentrifiación.
Os barrios céntricos acaban beneficiándose dese embelecemento, pero hai un trasfondo social que queda soterrado no proceso: os pobres venden as súas propiedades para comprar outras nas aforas das cidades. Os poderes públicos non combaten a miseria a base de dotacións, senón que contribúen a desprazala mellorando a educación, a seguridade e a recollida da lixo para os veciños de ingresos elevados. Os gentry establécense nunha memoria e unha estética nostálxica alleas. As familias que as xeraron durante décadas marchan ao esquecemento dos arrabaldos.
Fréderique Lahaye, exdirectora socialista de Vivenda en París, deseñou o plan de loita contra o aburguesamento do centro. Aplicouno o alcalde Bertrand Delanöe e agora continúao Anne Hidalgo. «Todos teñen o dereito a vivir nun belo ambiente e non só os cartos deben determinar quen vive onde», opinaba Lahaye.
Un dos barrios de París beneficiados polas medidas de regulación da compra e venda de edificios baratos no centro é Charenton. O parlamentario posrevolucionario Pierre Royer Collard fala preocupado pola sona de Charenton en 1808, nunha carta ao ministro da Policía, Joseph Fouché. «Existe en Charenton un hombre cunha audaz imnoralidade que o fixo demasiado célebre», denuncia en referencia a François de Sade, o marqués libertino. Pide «que quede sometido ao encerro máis severo».
Sade botou doce anos pechado nos cárceres de Vicennes e A Bastilla. A condena non impediu que as autoridades valorasen a súa preocupación pola arquitectura e a hixiene. Cando tivo liberdade entre 1789 e 1794 foi comisionado para supervisar os hospicios e hospitais de París, segundo conta o filósofo Michel Foucault.
Os necesitados teñen quen os defenda na actualidade. Nos anos 70 non era así. Foucault quéixase en La etica del pensamiento (Biblioteca Nueva) de que os sartrianos consideraban «o espazo arquitectónico como algo burgués en contraposicion ao tempo, que era o revolucionario». Afortunadamente, os socialistas de París usan os medios públicos para mellorar o centro. Evitan a xentrificación porque saben un barrio diferénzase dun polígono de vivendas en que é un espazo con memoria.
Nunha cidade imaxinaria, ideal —como a soñada en Nexos—, os alcaldes serían urbanistas. Cando menos nas épocas de desenvolvemento e reordenación. Pero non todos os partidos atopan un Xerardo Estévez e non todos os rexedores descubren axudas inesperadas chegadas doutros partidos, como Estévez con Manuel Fraga.
O presidente vilalbés comprendeu a necesidade de fortalecer unha capital endeble dun país endeble, de favorecer a Santiago para que non acabase esmagado na desputa pola capitalidade entre A Coruña e Vigo.
Outra cuestión son os medios que aplicou para que medrase a consideración de Compostela. Supoño que a Cidade da Cultura está no lugar no que está para eludir a xentrificación e procurar a cantidade de terreo precisa. Intúo que a pousaron no punto de intersección de dúas liñas simbolicamente poderosas —o Eixo Atlántico e o Camiño de Santiago—. Pero foi un erro situar unha dotación cultural que se pretende encher de xente, xentificar, nun aparte da cidade. Agora, os recursos públicos son Sísifo empuxando unha gran esfera de programación cultural ata o alto do monte Gaiás.
Gallego Jorreto confesaba en Nexos que a arquitectura de Peter Einsenman, o autor da Cidade, non lle interese. Porén, Estevez louvaba a súa arquitectura orografica, a adaptación ao Gaiás. A min préstame andar por entre a Cidade da Cultura, admirar a súa monumentalidade, aínda que son incapaz de concretarlle o uso a tanta grandilocuencia construída.
Porén non resisto unha ollada xeral á estrutura de cuncha que debuxou o arquitecto Peter Einsenman. O norteamericano sabe que os políticos son un tanto infantís no que respecta á arquitectura e que precisan recoñecer as formas dun edificio para financialo. Fantasío co primeiro encontro entre o Einsenman e Fraga. «Mire, don Manuel, lembra unha vieira», debeu de explicitar o creador. E o presidente asentiu.