Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
9 mai 2015

AS LETRAS ENTRARÁN CON CALZADOR DE HERMÈS

William Shatner & Leonard Nimoy, 1968

O DEBATE MAIOR da cultura galega non é a curva de Angrois nin a desolación preferentista, nin sequera o pánico editorial ou a soedade dos teatros. Non, a cuestión que late nos nosos mellores cerebros é se un sabio coas mans manchadas de franquismo é digno das Letras Galegas. Como cronista, eu non son estrano a ese misterio redentor. Por iso, non vou culpar ao país. Nin sequera a esa irrelevante porción de país á quen importa o asunto.

Cada cultura ten as súas teimas. Hainas máis permisivas ca outras. Charles Baudelaire estableceuse en Bruxelas en 1864 para tratar de publicar ‘As flores do mal’. Michel Houellebecq conta no último libro, ‘Sumisión’ (Anagrama), que «case todos os autores franceses da segunda metade do século XIX tiveron que recorrer a un editor belga para evitar a censura».

Pese á maior laxitude moral, Baudelaire veuse decepcionado pola suciedade e a tristeza de Bruxelas. Non deu marcha atrás porque sentía nas costas que Francia o convidara a marchar. Optou por ese sucedáneo franconeerlandés que teima en manterse unido por razóns que superan as escalas de comprensión humanas.

A intención de Baudelaire era publicar unha versión completa do seu libro, incluíndo seis poemas censurados en Francia. Aínda sendo rico por parte de pai,tras a morte deste non tiña un can. Debía esmolear asignacións cativas ao notario que administraba a fortuna familiar.

Dada a súa precariedade, entregouse en Bélxica ao penoso oficio de conferenciante. Sospeitaba que a sociedade belga era rancia, pero tratou de ser optimista e organizou unha charla sobre Delacroix. Aínda tivo un éxito confortable, polo que se animou a adentrarse nunha figura menos coñecida na altura: Théophile Gautier.

Os que o escoitaran falar de Delacroix, foron considerados e acudiron a pesar de que Baudelaire era un orador mediocre. A medida que falaba e bracexaba con paixón a respecto de Gautier contemplaba con horror como ían marchando, un a un, todos os asistentes. O crítico Camille Lemonnier describiu que «xesticulaba coma un crego».

Na terceira charla, unha transgresora disertación sobre o opio e o haxix non aguantou alá da presentación. Foi a derradeira conferencia de cinco programadas.

Daquela, frustrado, o poeta comezou a súa serie ‘Cartas belgas’, que foi publicando Le Figaro e que vén de recoller Valparaíso Ediciones en ‘Pobre Bélgica’.

Nesas crónicas, Baudelaire explica que as preocupacións dos intelectuais flamencos e valóns non son Delacroix nin Gaultier, nin sequera o opio ou o haxix —aprezados entón coma inspiradores de arte vigorosa e de concupiscencia feliz—. Escribe nunha desas cartas que a ensoñación dos belgas consiste «en que os demais países desexen invadila» e engade que «sería unha ofensa se lles revelásemos que nin Francia representa un perigo para ela nin a quere invadir».

Houellebecq confesa na novela un desinterese cultivado por Bélxica. Salva a art nouveu do hotel Metropole, do que loa os chocolates vieneses e pasteis de crema para informar do seu peche. A desaparición dese hotel é, na percepción do seu protagonista, é a derradeira manifestación do sometemento do continente ao Islam. «Europa suicidouse», lamenta. Na súa fición, un partido político musulmán faise co poder tanto en Francia como en Bélxica co respaldo dos dólares que achegan señores de petróleo e túnicas brancas.

O novelista francés traza unha hipérbole improbable, pero constrúe unha novela cun asunto de actualidade no seu país; algo que non facemos en Galicia, onde toda corrente de reflexión da nosa fición quedou atrapada xirando na cinta de Moebius da Guerra Civil, avanzando no máis moderno dos casos ata a exaltación da vida do Piloto, o derradeiro maquis.

Porén, o Premio Losada Diéguez deunos unha alegría premiando a Diego Amexeiras por ‘Conduce rápido’ (Xerais). O autor nacido en Suíza fala desa novela dun negocio bastante centroeuropeo: o préstamo e legalización de cartos. Antes xa escribira sobre as preferentes en —’Matarte lentamente’—; o narcotráfico, en— ‘Todo OK’— ou sobre a confusión vital do nacionalismo galego, en —‘Asasinato no Consello Nacional’—. O valor é que Ameixeiras manteña ese interese por analizar a súa sociedade a través da ficción; o problema é que non haxa máis.

A profesora Rexina Vega insinúa en Biosbardia algunhas razóns para que a novela histórico-política sexa o xénero reinante na nosa literatura. Non se refire concretamente a esa problema, pero expón un panorama que a motiva.

Vega sinala que «se silencian as voces que non entenden a literatura unicamente como un produto cultural», co que non hai oferta de libros que so aspiren a entreter ou conmover. Engade que «se reivindica o galego de verdade» no canto dunha lingua literaria áxil e actual. Sobre a crítica —e os premios literarios que deciden os críticos— di que «está composta polos mesmos nomes ca nos 90», co que «os mesmos axentes refrendan ano tras ano as mesmas obras de autores cos que comparten idade, xeración ou intereses, ignorando os gustos da xente nova». A todo iso suma que «autores consagrados teñen problemas para publicar». Resulta frustrante que pidamos actualidade aos escritores cando quedamos impedidos para lelos.

As opinións de Rexina Vega son tan certeiras coma desalentadores, aínda que as exprese alguén que leva vinte anos exercendo a crítica e que asinou unha novela sobre a República e a Guerra do 36, esa pulsión que derrota a tantos escritores galegos.

Dentro de pouco non haberá quen publique, polo que o reproche que fago aos autores que non escriben sobre o seu tempo carecerá de sentido. O seguinte paso será buscar unha utilidade residual ás carreiras de letras, tanto á universitario como á creativo. A única aplicación práctica de futuro que poden ter os coñementos literarios atopeina na novela de Houellebecq. «Un rapaza que aspire a ser dependenta en Céline ou en Hermès debe coidar a presenza, pero unha licenciatura ou un máster de Letras Modernas pode constituír unha baza, que, a falta de competencias prácticas, garanta ao empregador unha axilidade intelectual que augure a evolución na carreira», apunta sen eludir o machismo. Engade con sarcasmo: «A literatura ten connotacións positivas na industria do luxo».

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité