Auto Tamponneuse à Neuilly-sur-Seine, 1934-1935

 

Durante un treito da infancia temín que me atropelase un tren. Sería un convoi enlouquecido e ruidoso que me quebraría a caluga sen darme tempo a reaccionar. Ese medo correspondíase co «particularísimo mundo onírico» que o filósofo Walter Benjamin asociaba aos «carrís ferroviarios». O meu pesadelo era imposible. Había décadas que máquina ningunha transitaba polo camiño de ferro que eu trazaba entre a casa e o colexio. Había décadas que O Trapeiro revendera o metal das vías e que os veciños da Lodeira botaran man das travesas para prender lume co que afumar chourizos. Pese a todo, o Tren Mineiro, que nos chegaba a Ribadeo dende A Pontenova, convertérase nun membro amputado para min. Notaba a súa presenza ausente. Aínda peor: desconfiaba de que me atropelase un tren que non coñecera. Para evitarme eses terrores, Ciudadanos pediu que non se mellore o tren en Galicia, queren que se ampute o Ave galego por ser demasiado oneroso. As infraestruturas vólvense caras e innecesarias en España no momento en que se empezan a construír en Galicia. E, claro, estou agradecido a que este partido me axude a vencer unha paranoia infantil. Ao cabo, estou con Proust en que a saída dun tren é «un acto solemne e terrible». Prefiro chamar a Albert Rivera para que me describa os seus belos e modernos traxectos de Barcelona a Madrid en alta velocidade. As mellores viaxes son as que che contan obviando as incomodidades.

Photo: 1934-1935.