Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
16 mai 2015

O ÚNICO DEPORTE QUE NON É UN XOGO

combate boxeo

O XORNALISTA norteamericano Abott Joseph Liebling lembra no libro Between meals, os xantares que gozou en París entre 1926 e 1927. O daquela estudante de Arte xustificou a estadía en Europa para aprender na mellor universidade, A Sorbona. Lonxe de visitar a facultade, Liebling dedicou o seu tempo a percorrer toda canta casa de comidas e hotel servía un menú. Tamén a especular con ser boxeador profesional.Ningún dos outros fillos de rico cos que compartía residencia universitaria considerara practicar o que o cronista español Manuel Alcántara define como «o único deporte que non é un xogo», senón «a arte de quitarse a fame a golpes». David Remmick explica en Rey del mundo (Debolsillo) a idea de Alcántara: «O boxeo nunca foi un deporte de clase media, é un xogo para uns rapaces que apostan todo a cara ou cruz, que poñen en perigo a súa saúde a cambio dunha probabilidade infinitesimal de riqueza e de gloria». Pero Liebling, o fillo do peleteiro máis adiñeirado de Manhattan, carecía de perxuízos para identificarse cos afáns das clases baixas. Polas noites, no seu cuarto parisino, contempla os seus guantes negros a estrear e resígnase a non poder pelexar cos pintores e escritores cos que se relaciona, entre viño barato e derramado, e entre prostitutas cansas e maternais.
Non obstante, sabe do American Club, no boulevard Raspail, «onde figuras literarias, como Hemingway ou Morlley Callaghan, intercambian golpes». O afervoado Liebling desiste de acudir ao club, porque teme que non van querer boxear contra alguén que non ten libros publicados».
Seguro que iso non había de importarlle ao púxil pontevedrés Castor Calvo (1903-1977), ao que cheguei por Xosé Enrique Acuña en Biosbardia. De feito, era habitual que o confundisen con Hemingway.Calvo non esquecía de citar nas entrevistas deportivas lecturas de Gorki, Blasco Ibáñez, Valle-Inclán ou Baroja. Despois de retirarse na súa cidade natal, cultivou no café Savoy amizades que practicaban a arte e a literatura. Celso Emilio Ferreiro escribiu sobre Castor Calvo que houbo de facerse boxeador porque presumira falsamente de selo diante dunha rapaza de Santa Fe á que facía as beiras.
Tras regresar a Estados Unidos, Abott Joseph Liebling empezou a traballar no The New Yorker como comentarista de boxeo. Escribiu o libro sobre puxilismo The sweet science, que aínda hoxe ocupa un posto de honra en calquera listado dos dez mellores libros sobre deporte. Nese texto inventa a crónica deportiva e, de paso, reinicia o xornalismo. Como conta Fermín de la Calle «The sweet science é un relato de bolsas pequenas, de clubs locais e de amadores xogando a vida para saír adiante. Sen televisión, nunha atmósfera densa e sufocante á que de cando en vez se achegan Joe Louis, Robinson, Archie Moore ou Rocky Marciano. Ximnasios nos que Liebling compraba entradas de público en lugar de sentar no palco de prensa para evitar a impostura e prexuizos dos seus colegas. Presta tanta atención ao público como á pelexa».
O seu xeito de contar os combates foi unha lección para David Remmick, quen se inspirou nel para Rey del mundo, a biografía de Muhammad Alí na que describe «o xeito no que un rapaz delgado de Louisville moldeou a súa época e foi reflexo dela». Remmick subliña a importancia que a conversión ao islam tivo para Classius Clay, quen desenvolveu asemade a súa conciencia étnica, chegando a negarse a participar na guerra de Vietnam «porque o Vietcong ese nada me fixo» ou desprezando co alcume de Tío Tom a algún rival que, na súa visión, renunciaba á loita social por unha vantaxe individual.Non todos os expertos sentían devoción por Muhammad Alí. Castor Calvo valoraba en 1968 que «Classius Clay non é mellor ca Jack Dempsey».
A relixión tamén estivo presente a semana pasada no combate entre Manny Pacquiao e Floyd Mayweather. Pacquiao é católico e, polo tanto, colectivista; mentres que Mayweather revelouse un calvinista ateo partidario da salvación individual e obsesionado pola cantidade de cartos que dá xuntado no menor tempo posible.
Estiven seguindo os preparativos da pelexa, que a prensa volveu exaltar unha vez máis coma O Combate do Século, aínda que, para min, o combate do século foi o que enfrontou a Muhammad Ali e  en Manila en 1975. A miña escolla non está motivada pola brutalidade de ver a Frazier deambulando pola lona coma un boi cego despois de que Ali lle arrincara o protector bucal dun dereitazo, nin sequera porque o rapaz soberbio de Louisville recoñecera que nunca volvería chamar Tío Tom a Frazier porque ambos os púxiles acabaron no hospital. A miña escoolla baseáse na épica.Aínda que a velada de Pacquiao e Mayweather decepcionou aos afeccionados ao boxeo, fascinounos aos amantes da literatura porque os prolegómenos nos brindaron un relato tecnicamente inmellorable. A pelexa Pacquiao-Mayweather contén dúas historias. Unha fala do neno mísero de Filipinas que cargou o peto con pedras para dar o peso mínimo e poder boxear por vez primeira a cambio dunha bolsa de dous dólares. A outra describe o expresidiario que superou unha infancia descontrolada a base de disciplina feroz para que ninguén rozase a súa cara cunha luva. O filipino, pai de catro fillos, le a Biblia coa mesma atención coa que Mayweather, carne de emocións de Visa 24 horas, le a numeración dos billetes que esparece sobre a cama.
Eu son incapaz de asumir a violencia que electrifica un combate, pero recoñezo que non pode haber unha épica que se lle iguale. Nada hai máis honesto ca dous homes case espidos pegándose coas mans apretadas nun puño. David Remmick argumenta que «durante decenios, o boxeo foi un dos grandes espectáculos norteamericanos; e polo feito de ser unha pelexa cos puños, sen raquetas, sen bates nin pelotas, resultaba fácil aplicarlle as metáforas da loita».
Xabier López López conta na novela Olympia Ring, 1934 (Galaxia) que o contrario de algo artificial son «dous suxeitos sen máis armas ca a habilidade e a forza dos seus puños. Un milleiro de gorxas animando un suorento loitador, mareado, desfalecido, desorientado polos golpes, pero aínda coa franca posibilidade de ligar un lateral e un gancho, e deitar o contrincante. Nalgún tempo, os reis elixíronse dun modo bastante parecido».

Publicité
Publicité
Commentaires
J
Moitas grazas. A min, xa o digo, o único que non me gusta do boxeo son os combates.
Répondre
L
Leerte e para min unha verdadeira deliza,,,,,,A min non me gusta o boxeo mais<br /> <br /> respeto as opinions alleas. Parabens.......e moi agradecida.
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 534
Publicité