Richard Kalvar

Un xornal publicou  anos atrás unha fotografía de Gutenberg, o inventor da imprenta. Sorprendeume, porque Gutenberg viviu no século XV e Niépce tardaría tres séculos en enzoufar unha praca con betún de Xudea para quitar a primeira fotografía. O periódico identificaba a Gutenberg entre varios homes traxados á moda dos anos 50 como «segundo pola esquerda». Eu resistínme a confiar na información porque o creador da imprenta morreu en 1468. Acabei sabendo que o fotografado era o sismólogo Beno Gutenberg, que aparecía traballando con Charles Richter na escala para medir os terremotos. Con todo, pareceume bonito o pé de foto. Relacionaba o medio máis eficaz para difundir palabras e o medio máis eficaz para difundir imaxes a través do tempo. O papel aguanta todo, mesmo os terremotos. Hai documentos na biblioteca de Samos que soportaron o peso mortífero dun milleiro de anos. Dende hai anos, esa forma de saber que é o libro en papel está sometido a un sismo. Internet rachou co espazo cativo e bidimensional do escrito e do fotografiado. Rematou co silencio e a intimidade da lectura. Os lectores de pantalla son ruidosos, non paran de comunicarse nas redes sociais. Pero Samos aguanta todo. Os seus relixiosos len cada día un lema en latín: «Un mosteiro sen libro é coma un castelo sen defensas». E coñecen o seu papel.