O ESTUPOR QUE ME AGARDA
Soño novamente coa Casa do Gato, o fogar no que me criei en Ribadeo. A casa xa non existe. O ano pasado vin por internet as máquinas da sustitución pasando coas súas rodas de eiruga por riba dos escombros, esmagando a miña "mocidade amable, heroica, fabulosa, digna de ser escrita en letras de ouro", igual á que añoraba Rimbaud. Ese soño volve a min moitas madrugadas como unha visita inesperada e agradable, pero esta noite a alucinación regresaba para anunciarme que estaba sendo asediado por bulldozers que roucaban na noite de fóra para arrasar a vivenda pola mañanciña. E eu pechaba e repechaba portas e ventás, fráxiles coma o papel, coma se fosen unha solución hermética e definitiva para conservar a única casa que será a miña dende sempre e para sempre, a casa da infancia. No pánico do soño, recei a Rimbaud: "Que é a miña nada fronte ao estupor que me agarda?"
Photo: Auto-ecole