Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
22 novembre 2015

A PERVIVENCIA DO MAIO DO 68 EN OURENSE

 

825232-a-glucksmann1057okjpg

 

Non sabemos o que se falou na noite do escándalo na casa dos dous políticos ourensáns, o expresidente José Luis e o presidente Manuel. Antes de durmir aquel día, eu recreei a escena. O pai tería reconvido ao fillo na certeza —adquirida lendo a Freud— de que «o desexo se converte en necesidade». O proxenitor reprocharía ao herdeiro que non termase do desexo nun primeiro momento. A consecuencia foi que acabou sentíndoo como necesidade. «Que carencias tes que provoquen o teu desexo, o teu afecto activo, Manuel?», preguntaríase o expresidente citando a Spinoza.

Manuel, que se sente moito máis cercano ás concepcións filosóficas emanadas de Maio do 68, tería pasado a man polos beizos para darse un tempo antes de contestar. Retrucaría que «é a necesidade a que se converte en desexo». A frase é prestada, escribiuna Gilles Deleuze en O antiEdipo.
Como todos os conservadores, ambos os dous deben andar pesarosos esta semana polo pasamento de André Gluksmann. O pensador francés fixo unha das aventuras ideolóxicas máis radicais. Partía dun extremo. O seu pai —axente da Komintern e cofundador do Partido Comunista Palestino— emigrou a París cando lle quixeron poñer unha estrela amarela. Tempo máis tarde, con catro anos, André salvou a vida cando a nai o fixo saltar do vagón no que os cargaran nunha viaxe con destino a unha cámara de gas, como conta en Una rabieta infantil (Taurus).
Na universidade, Gluksmann axudou a escribir o guión do Maio 68, unha inmensa perfomance coa que os fillos da burguesía reclamaban a satisfacción dun desexo que non viña xerado por carencia algunha. Militou no maoísmo de Esquerda Proletaria ata que leu Arquipélago Gulag. Nese libro, Aleksandr Solzhenitsin fai un percorrido pola súa experiencia no estalinismo dende a confesión de todos os delictos que lle atribuían os torturadores ata o internamento de oito anos nun mosteiro ortodoxo remozado como establecemento de reeducación.
Esa lectura empuxou a Gluksmann a renunciar ao marxismo. Explicouse en La cocinera y el devorador de hombres (Mandrágora). Dedicou o pensamento que foi xerando dende ese momento a facerse perdoar a súa simpatía de mocidade. Comenzou polo gaullismo para acabar no punto contrario do voo do péndulo: asistindo a mitins dun Sarkozy que prometía «acabar co espírito de Maio do 68» —desprezando a contribución do propio Gluksmann— e mesmo aceptando un convite a participar nun ciclo da FAES, o club de fornecedores dos contidos discursivos de Aznar. O expresidente español usou textos do filósofo galo para axigantar a ameaza para o mundo que supoñía Sadam Hussein, un ditador non menos repugnante ca outros próximos.
André Gluksmann morreu aos 78 anos, cunha idade inusual dos seus compañeiros dos Novos Filósofos agrupados na Escola de París. O seu mestre, Michel Foucault, tivo a desgraza da contraer a sida. Louis Althusser morreu dun ataque ao corazón, unha década despois de ter estrangulado á muller. Altuhsser confesou insistentemente o homicidio, pero antes de que as autoridades o cresen, estivo internado uns días nun pisquiátrico como inocente. Os crimes que cometen os grandes persoeiros son sempre cativos.
Guy Debord, afectado por unha poliomelite alcohólica incurable, meteuse unha bala. Gilles Deleuze sentiuse un sábado sen forzas para sobrelevar a súa insuficiencia respiratoria e deu saída a esa angustia lanzándose pola ventá dende un terceiro andar. Pero Gluksmann resistiu. O nazismo baleiráralle a capacidade para sentir espanto.
Con todo, nunca deixou de indignarse. O resentimento cara a Gilles Deleuze aínda lle queimaba en 2009, cando publicou Los dos caminos de la filosofía: Sócrates y Heidegger (Tusquets). Nese libro afirma que «Deleuze, autoridade posmoderna onde as haxa, reprochounos, aos que pretendíamos revisar as nosas ideas preconcebidas á luz da testemuña despiada de Aleksandr Solzhenitsin, que viviamos de cádáveres». Deleuze botáralle en cara que «determinar a política de Stalin, e mesmo a política marxista en xeral, a partir do gulag, soamente conduce ao vulgarismo moral».
Gluksmann deuxe de baixa como pensador ao servizo da dereita francesa cando Chirac impuxo a Grande Cruz da Lexión de Honra a Putin. Criticou daquela o «espellismo ruso» que deslumbra a Francia dende os tempos de Catarina II e Pedro O Grande. Mesmo fascinou os pensadores franceses do tempo: «Voltaire sabía que Pedro O Grande torturou a matou o seu fillo, pero negou sabelo». Tampouco librou a Diderot do reproche. «El estaba a soldo de Catarina II; pero, aínda así, deixou escrito en secreto que a Rusia de Catarina II non chegou a madurar, apodreceu antes».
Jacques Chirac tirou do manual de instrucións para contestarlle. «É un asunto privado», dixo. O argumento da privacidade é coma unha navalla suíza, os políticos sempre a levan no peto por se acaso. Unha condecoración oficial ou un emprego público semellan asuntos extravagamente privados. Os cargos públicos tenden a estender o amparo da súa intimidade a toda canta incomodidade se lles pon diante. Atenas emitiu no ano 430 unha lei de amnistía e concordia pola que os cidadáns nos podían facer referencia á guerra civil que os enfrontara.
Por se non abondase co argumeno da privacidade, reforzamos a exculpación co oxímoro do «cacique bo», que soa a Mephisto: «Son unha parte desta forza que sempre quere o mal e sempre fai o ben».

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 401
Publicité