Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
23 avril 2016

UNHA LIÑA TELEFÓNICA PARA JEAN PAUL

FERROL É UNHA cidade que me desconcerta. Para Galicia é coma Alaska para os Estados Unidos: un accesorio territorial sen función concreta. A última actividade cultural que cruzara a ponte das Pías fora a man de pintura que lle deran no 2000 á estatua na que Franco cabalgaba pola Historia sobre a praza de España. A crueldade máxima contra a escultura equestre de Coullaut Varela, inspirada —diría eu— na que ten Marco Aurelio sobre a Cuíña Capitolina de Roma, non foi a nocturnidade nin a clandestinidade, nin a violencia. O máis sangrante foi a cor da pintura escollida para estragarlle o traballo: un rosa pálido emasculante.

A cultura volveu correr polas veas de Ferrol grazas a Karlotti e Guillermo Fernández, que retoman a Semana da Poesía Salvaxe co soporte do concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea. O excepcional é que transcorrisen catro in albis. Rey Varela saberá por que.
As actividades foron ben atractivas, como esa posta en escena de poesía da Beat Generation, con lecturas dos marabillosos inconscientes que foron Jack Kerouac, Allen Ginsberg e Neal Cassady, nunha suite do Hotel Suizo.
Esta efervescencia ferrolá aliviou un tanto o meu pavor polo que pode acontecer na semana que empezará segundo acaben esta folla de xornal. O vindeiro mércores a nosa elite cultural estará embarcada cara a Bos Aires. Viaxan os nosos máis eloxiados escritores aspirantes a ter un cento de lectores, os nosos máis afinados intelectuais de baixo fuste e mesmo varios eficaces directivos de fundacións con finalidade evanescente. Sartre reprochaba aos seus amigos que confudisen «a desesperanza coa verdade». Eu sonlles máis nihilista, ao xeito de Cioran. Sei que Galicia quedará convertida nun páramo durante uns días; aínda máis páramo cultural do que é, quero dicir. Confío en que as nosas mellores cabezas non brillen pola súa ausencia.
Pero en Galicia queda o eco vibrante da Semana de Poesía Salvaxe; queda a poesía de Ginsberg empeñado en "curar" a homosexualidade, ardendo de amor e ira por Neal Cassidy e tratando de convencelo para que substituíse o sexo polo budismo. Inutilmente, claro: Neal era demasiado guapo.
Pero unha década antes de que nos anos 50 malnacese a Xeración Beat en Estados Unidos, París xa tivera os seus beatniks avant la lèttre. Certo que non foron tan atractivos, pero si máis convincentes. Jean Paul Sartre deu intelectualizado o adulterio para persuadir a Relendo esta semana que se cumprían os cabodanos de Sartre e Beauvoir, volvín sobre Manual de Saint Germain des Prés (Gallo Negro), de Boris Vian. Nese libro, o trompetista e escritor conta fai unha guía do barrio bohemio de París.
Relata que en 1942, durante a Ocupación alemá, o dono do Café de Flore abría para Sartre, que botaba o día nunha mesa do primeiro andar. «Viña acompañado por unha muller chamada Simone, pero sentaban en mesas diferentes», lembra monsieur Boubal.
Satre contoulle un día que escollera o Flore polo que tiña —estufa— e polo que non tiña —soldados alemáns cargados de «bolsiñas de te, tarros de manteiga e pan branco,... unha indecencia» que non podía permitirse—. Boubal presumía de que Sartre soportou a guerra era porque el o fornecía de tabaco de picadura.
Neses primeiros anos, de cando en vez, chamaban preguntando polo filósofo. As chamadas foron aumentando segundo ía publicando obras. Chegaron a acadar tal magnitude que Boubal instalou unha liña telefónica soamente para Sartre. Canda as chamadas, foi incrementándose a clientela. A Jean Paul encantáballe ser o centro das olladas e as escoitas, pero, cando debía traballar, facía un xesto a Boubal. O hostaleiro comezaba a berrar que na rúa estaban soando as alarmas que avisaban de que os paxaros escuros da Luftwaffe sobrevoaban Notre Dame. Todos escapaban, agás Jean Paul e Simone.
Parecía que non temían á morte. De feito, o único que temía Sartre durante os nove meses de 1939 que botou no cárcere condeado pola Wehrmacht —por ser meteorólogo— era que Simone de Beauvoir morrese nun bombardeo.
Boris Vian tiña unha conciencia menor do perigo. Tras a Liberación, enfrontouse durante unha actuación no Café Rambouillet a uns membros das Forzas Francesas do Interior. Os heroes pedíronlle que interpretase Le petit vin blanc con aires de Nova Orleans, pero Vian negouse a alterar o ritmo da canción. Non tardou en baixar do escenario: os soldados reiteraran o seu rogo a punta de pistola e a banda cedeulles o escenario.
Eu tamén desconfío de que os cambios de ritmo servan de gran cousa, aínda que o produtor George Martin deulles o primeiro número un aos Beatles acelerando Please, please me. Desconfío malia que os alumnos do Colexio Curros Enríquez da Coruña impactaron o martes a Alonso Montero rapeando por Manuel María. Foi un agradecemento á Real Academia Galega por esa inciativa tan positiva de Primavera das Letras. Unha academia da lingua tratando de entenderse coa mocidade é algo inaudito no mundo.
Todo pode pasar. Ata que Ferrol nos fascine coas súas propostas salvaxes. Sartre dixo unha vez que coñecera «a desolación, a miseria, pero nunca a desesperanza». Ao ler esa frase acordeime do lamento que lle sentín ao xornalista Nacho Mirás cando a luz se lle apagaba: «Teño que morrer agora que empezo a ver todo con claridade». Sartre negouse a aceptar o final ata o derradeiro momento. Cando faltaban dous meses para falecer empezou a beber alcool desmedidamente. A morte estaba vixiándoo detrás de cada moble da casa, polo que escondía alí as botellas de whisky.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 472
Publicité