Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
22 octobre 2016

O SENTIDO NO QUE SE CORTAN AS UNLLAS DOS PÉS

gal-museum-bob-dylan-jpg

ANDO ESTES DÍAS preocupado co sentido no que se cortan as unllas dos pés. Eu córtoas empezado pola deda meiniña do pé dereito e vou avanzando cara ao oeste ata chegar á menor deda esquerda. Pero teño dúas peculiaridades: son zurdo e, sobre todo, zurdo contrariado.

Nacín segundo acababa o Concilio Vaticano II, en 1965, e estiven no colexio das monxas de Ribadeo ata 1979, ata ben chorada a morte de Franco. As monxas estaban atrapadas entre esas dúas forzas centrígufas: o progresismo de Jesucristo Superstar e o conservadurismo do brazo incorrupto de Santa Teresa. Como vivían contrariadas por esa tensión contrariaban aos seus alumnos. A min contraríaronme o lado dominante no cerebro. Aínda me doen as lavazadas que levaba na man esquerda por santiguarme e escribir con «la mano del Diablo». Non llo tomaba a mal porque me daba morbo fantasiar con escribir coa esquerda cando fose adulto e redactar uns versos satánicos.
Dese tempo vénme a curiosidade por saber como cortan as unllas os destros e mesmo os zurdos de lei. Como este xoves deron o Nobel de Literatura a Bob Dylan, dedicáronlle tantas páxinas nos xornais que podería asfaltarse de novo a AP-9 coa tinta empregada. Ofrecéronos toda minucia de detalles sobre o cantante, mesmo que é zurdo; pero non atopei en ningures o sentido no que corta as unllas.
O galardón para Dylan provocou moitas críticas. Eu acordei de Gonzalo e Tina, aos que levo décadas escoitando a canción do «Nobel para Dylan» a pesar de que o seu esquerdismo intensivo continúa desconcertado co Slow train coming e a xenuflexión diante de Xoán Paulo II. Asemade pensei en Joaquín Sabina, que obrou a milagre de lograr 16 edicións cun relicario de sonetos perfectamente esquecido xa. Tamén pensei en Doris Lessing, en cando mandou unha novela ao seu editor oculta por un seudónimo e foi rexeitada.
Truman Capote estaría na oposición ao Nobel para Dylan, sería o avogado do Demo se lle contasen que a Academia Sueca acepta letras de cancións como literatura. A Real Academia Galega xa o fixera en 1989, cando dedicou as Letras Galegas aos nosos cantautores: Meendinho, Johan de Cangas e Martin Códax.
Capote escribiu sobre uns renglóns tortos de Deus nos que aseguraba que «Dylan é un farsante. Non é un rapaciño que canta canciones líricas. É un oportunista que quere facer carrera e sabe moi ben dónde va. Además, é un hipócrita. Nunca comprendín por que lle gusta á xente. Non sabe cantar». Sen embargo, a el non lle deron o Nobel nin por A sangue frío.
O mércores foi festivo, día de cortar as unllas e ir ao cinema. Así que me metín na cama para ver Truman Capote (2005). Nesa película Philip Seymour Hoffman rompeu os récords de interpretación en canto a voz, xestos e dotar de presenza a un personaxe.
As monxas que me educaron en Ribadeo trataban de conducirse entre a modernidade de Xoán XXIII e o africanismo armado, polo que nos aprenderon unha chea de cancións que recendían a primavera, amor e mesianismo.
Andados os anos descubrín que Bob Dylan e Simon & Garfunkel cantaban en inglés os mesmos temas que nós interpretabamos en castelán nas misas de campaña. Andados os anos reparei en que as correntes teóricas do Concilio Vaticano II se plasmaban en Ribadeo traducindo a músicos norteamericanos que se entregaban ás desordes morais. Andados os anos deime de conta de que o noso Sabed que vendrá era en realidade era Blowing in the wind.
Esa revelación que tiven nos anos 70 confirmeina o martes, cando comprei na papelería de Lita unha edición de La ilíada de Homero, publicada por Gredos en tapa dura, por 2,95 euros. E dous días máis tarde, souben que a Academia Sueca concedía o seu prestixioso Nobel de Literatura ás letras de Bob Dylan.
De cando en cando, os líderes sociais cambian o sentido no que cortan as unllas para superar a monotonía. Son tempos de popularización do discurso político, de libros de poesía que se venden por milleiros porque os firma un cantautor famoso e de orixinais de novelas rexeitados porque o editor ignora o nome da autora. Non se trata unicamente de desmontar a solemnidade, senón tamén de relaxar a esixencia e de primar a sona para contentar ao maior numero de consumidores posible.
O sábado pasado, por exemplo, estiven falando co exdirector da Filmoteca Nacional Chema Prado porque os de Curtocircuíto lle daban unha homenaxe. Prado, que é de Rábade, falábame portugués, e eu, que son de Bilbao, falaba en galego porque son torpe en portugués. Foi unha conversa melódica.
Chema Prado explicoume que deixou a Filmoteca Nacional tras 27 anos como responsable porque empezou a cheirar a podre, a reparar en que os celuloides gardados na institución emprenderan un lento e doroso proceso de descomposición. «Estive ás ordes de onze directores gerais», informoume. Contestei que era unha sinal de que valoraban o seu traballo. «Ah, não foi isso, foi que não tinham interesse no meu trabalho polo noso pouco orçamento».

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 534
Publicité