O LEVE MOVEMENTO DAS MONTAÑAS
A MADRUGADA do luns espertei sorrindo. Sorrir é unha expresión de felicidade demasiado importante para malgastala con alegrías débiles ou monerías de gatos no Facebook. Por iso nunca sorrío antes de tomar un café matutino, amargo e solitario. Pero un sorriso aberto por un soño é incontrolable.
O luns espertei ás catro da mañá. Sabía a hora pola inclinación da luz que emiten as farolas da rúa Galicia e que me entra no salón. Estaba soñando que era Jay Gatsby e observaba unha chispeante festa que organizara. Sentía o pracer de contemplala sen soportar a pesadez do alcohol na cabeza ou o suor inesperado dos convidados. Quedara durmido escoitando un podcast do programa Mundo Babel, que Juan Pablo Silvestre dedicara ao swing.
Pola mañá, mentres o recendo a café compartía o aire da cociña co olor a leña queimada do pan torrado, empecei a traballar. Escoitei o novo disco de Metallica. Hardwired... to self destruct. Soa poderoso, pero non sería quen de diferenzalo dos anteriores discos.
Un ruxerruxe xa sitúa os Metallica no alto do cartel do Resurrection Fest, o festival de música furiosa que logra deter o verán de Viveiro durante uns días. É grande e está ben organizado, como o monte de San Roque que lle queda ás costas. «Unha montaña pode parar o tempo. Se a miras esqueces a preocupacións», escribe Manuel Veiga Taboada no soberbio ‘Todo ser humano é un río ‘ (Xerais). O título, que se refire ao paso do tempo, contradí o texto, que fala do tempo que non avanzou en séculos. Está ambientado na fronteira impostada entre Galicia e Portugal pola banda de Ourense.
Empezo a tomar o café. O mal humor perde forza, aínda que non chego a sorrir. Unto as torradas con manteiga Marinhas. Adoro o seu sabor a herba salgada. Apago Spotify porque o novo disco de Metallica logra aburrirme
A paciencia debo administrala. O xoves estiven vendo Os Sete Magníficos (1960). Transcorrida media hora aínda se deran xuntado soamente Dous Magníficos (Yul Brinner e Steve McQueen). Apago WakiTv. Bótolle a culpa aos ritmos de cando ser rodou. Daquela ir ao cinema era o entretemento dos domingos cansinos.
Na paz do silencio metálico leo a Manuel Veiga. Conta cousas dos arraianos que me marabillan. «Non imaxinan as xeracións de antepasados que os precederon. Non existe para eles a perspectiva do tempo. É como se inmediatamente antes da súa infancia estivesen xa Adán e Eva, os únicos personaxes históricos dos que ouviron falar». Poderían sentirse O Gran Gatsby e gozar dunha festa allea sen necesidade de soñala.
A xente non leu a novela de por iso lle gustan series como Marseille. Protagoniza Gerard Depardieu. Un ser humano ridículo, un actor capaz de encher a pantalla coa xesto ampuloso e coa súa respiración voluminosa. Na serie hai outros bos actores, pero non dou visto nada aparte da montaña dramática de Depardieu. Fai de alcalde de Marsella. Proxecta un gran casino no porto. «Mira a marabilla que lograron en Marbella», dille a un asesor. Pásame como con Metallica, que xa vin en Telecinco a Jesús Gil y Gil razoando co seu cabalo, o Calígula da democracia española.
Hai formas bastante convincentes de deter o tempo. Unha é mirar montañas de libros, outra pensar na Real Academia Galega. Vén de entrar Chus Pato, merecidamente. Hai máis influencia de Ferrín na santa casa da lingua que cando era presidente. E paréceme ben, sinto un inesgotable respecto intelectual por Ferrín. A RAG é coma unha montaña: parece que non se move, pero faino imperceptiblemente, uns milímetros cada día.
Na madrugada do venres volve o soño que se me reitera hai uns meses. Camiño por unha rúa vella e adoquinada de librarías que baixa ata un local que brilla nunha luz do mesmo amarelo que os volumes da editorial Anagrama. Entro na libraría de segunda man. Atopo os meus favoritos, de Stevenson a Saul Bellow.
O venres empecei La casa de los veinte mil libros o libro que Shasha Abrasmky dedicou ao seu avó, o posuidor das mellores bibliotecas do mundo sobre socialismo e xudaísmo, Chimen Abramsky. Eu lera fragmentos en inglés, pero agradezo a Periférica que a traducise a unha lingua católica. A lectura iluminoume durante horas, sacoume do tempo para conducirme pola casa que Chimen fortificara con 20.000 volumes; tal vez eran 15.000 soamente.
A aventura de Abramsky é intensa. Ten detalles de Indiana Jones, como ese cuarto pequeno que quedou inutilizable tras ser asolagado pola cantidade de libros. Tras a morte de Chimes, Shasha adéntrase nel. Descubre un sobre de correos cun envío recibido e sen abrir. Contiña unha biblia armenia do século XVIII.