Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
16 décembre 2016

UNHA CARTA DESATENDIDA CONTRA A PARSIMONIA DOS REIS MAGOS

santa_klaus_vukovar_1992

Os ordenadores están estragando a miña letra. Cando era mozo, escribía cartas con pulso de prateiro a rapazas que me lían lonxe, baixo as farolas de grandes avenidas. Daquela versioneaba libremente a Mallarmé: «Desolado por crueis esperanzas, acredito aínda no supremo adeus das bágoas». Agora escribo unha carta ao ano con letra urxente e incerta. Apelo a Papa Nöel para pedirlle un agasallo de Nadal. Dende neno fun dos tres monarcas orientais, pero reneguei de séculos de catolicismo antiluterano porque Santa Claus non ten a parsimonia mediterránea dos Reis Magos e os regalos chegan doce días antes.
Como Papa Nöel xa me le o pensamento e non precisa descifrar as miñas cartas, escríbolle os meus reglóns tortos en francés. Non ten lóxica escribir nese idioma, seino; pero descoñezo o sami, a lingua de Laponia. O domingo, segundo amencía, redactei o meu desideratum: as catro novelas da escritora Jean Rhys (1890- 1978) que Lumen reuniu como Una vida sin tí. Na primeira, Viaje a la oscuridad (1934), Rhys conta a súa chegada dende a Dominica natal a Londres. Traballa como corista en teatros locais e míseros, e caza pulgas en pensións para poder durmir. En Cuarteto (1928) describe o seu sometimento real a un triángulo sexual artellado polo escritor Ford Madox Ford e a súa esposa. En Buenos días, medianoche (1939) lembra o seu deambular por París, con amores variados que lle serven como un sol de inverno porque lucen xunto a ela, pero non dan calor. O seu físico permitiulle gañar a vida como modelo.
Buenos días, medianoche comeza dun xeito disciplinado e racional. «Cheguei a París hai cinco días. Elexín un sitio para xantar, outro para cear e outro para tomar unha copa despois de cear. Ordeei a miña modesta vida». Tras esa pasaxe, hai outra serena na que acode ao lugar no que anos antes, en 1924, asistira ao paso do cortexo fúnebre do escritor Anatole France. «Alí estabamos, charlando animadamente, rendendo a Anatole France o tributo da despedida, e a maioría da xente que formaba o cortexo fúnebre, charlaba animadamente, e todos rendían a Anatole France, o tributo da despedida»,escribiu cargando o acento na retranca.
Anatole France era fillo dos propietarios da France Librairie, onde vendían obras e panfletos relacionados coa Revolución Francesa. Ese material inspirou a súa creación literaria. Na súa novela Os deuses teñen sede describe o balbordo das guillotinas durante o terror xacobino, fala das anchas coitelas cortando pescozos con indiferenza moral e eficacia industrial.
Curiosamente, as críticas máis ferintes non lle chegaron a France dos racionalistas, senón dos surrealistas, que o caracterizaban como «decadente».
O xoves fun a Correos para botar con selo urxente a carta a Papa Nöel, tras incluír nas peticións o álbum Arquitecturas debuxadas (Xerais), de Santiago Catalán. O arquitecto plasma no volume os edificios máis interesantes de Lugo.
Despois, achegueime a Campo Castelo, que é o noso Monmâtre, o barrio dos artistas, para visitar ao pintor Quique Bordell. O estudo de Bordell é a súa mellor obra. Ten unha mesa mirando á porta, a un metro de distancia. Senta nela para ler o periódico e recibir visitas, como se fose un bedel municipal. A decoración complétase coa batería coa que redactou a esquela do punk, un manequín femenino invertido, ducias de libros sobre pintura manchados de pintura, unha gran máquina de escribir de xoguete e un besugo longo e poderoso como o brazo dun estibador.
Bordell organizou unha mostra no mellor lugar para facelo: o bar de abaixo. Nada máis cercano e divertido. A exposición do Ho! Gruf é unha homenaxe a Ubú Rei, o personaxe do presurrealista francés Alfred Jarry (1873-1907), que contaba entre as súas habilidades a inxesta de absenta e de tinta chinesa. En proporcións semellantes.
Ubú Rei é o protagonista dunha obra de teatro. Exrei de Aragón e capitán do exército polaco, derroca ao monarca de Polonia e impón unha tiranía que lle permite enriquecerse. A obra foi un escándalo na súa estrea en 1896, no centenario da Revolución Francesa que decapitou a monarquía. A ninguén, nin ao máis indignado lexitimista, se lle ocorreu levar a Jarry a comisaría. Reconfórtame pensar que a democracia española tamén sería incapaz de encarcerar a ninguén por inxuriar a un rei, que ninguén establecería a relación entre unha fotografía queimada e a persoa que figura nela porque revelaría unha trasfondo de santería.
Esa mentalidade agria aínda non desapereceu de Galicia. Mirando Arquitecturas debuxadas, de Santiago Catalán, deduzo que os seus edificios favoritos de Lugo abranguen un arco temporal que vai dende o barroco ata os anos 50. O libro conlúe coas obras que fixo na cidade o arquitecto pontevedrés Eloy Maquieira. O seu canon non inclúe obras entre esa metade do século XX e o seu final, cando empezou a regularse a construcción. Morreu Maquieira e o resto foi silencio. Cando vexa a Santiago, hei preguntarlle se a miña sospeita é certa.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 474
Publicité